Imprimir

Goretti Sanmartín reclamará no Pleno que a Xunta axilice a concentración parcelaria de Villestro II - Figueiras

bngsantiago | 18 de Septembro de 2018

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG
Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG

Máis de 1.200 propietarios e propietarias de parcelas de superficie agraria vense afectados pola demora deste procedemento

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2018.- A portavoz nacionalista en Raxoi, Goretti Sanmartín Rei, defenderá no vindeiro Pleno unha moción para que o Concello de Santiago lle demande á Xunta que axilice o procedemento de concentración parcelaria de Villestro II – Figueiras e que inclúa unha reserva de espazo a cargo das masas comúns e das parcelas non reclamadas para a construción do Periférico Norte, así como para futuras ampliacións da rede viaria.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, en Santiago de Compostela realizáronse 21 procedementos de concentración parcelaria, mais aínda permanece aberto o de Villestro e Figueiras que afecta a 1.219 propietarios e propietarias, que dispoñen de 14.072 parcelas nunha superficie total de 1523 hectáreas. Moitas destas parcelas son de dimensións reducidas e non ofrecen rendibilidade económica ás persoas titulares da propiedade por carecer dunha superficie óptima para cultivar.

As concentracións parcelarias melloran o crecemento das explotacións agrarias, a utilización de maquinaria e o aproveitamento da superficie, co que se consegue unha maior rendibilidade da produción agraria e unha mellor ordenación da terra en función dos usos, sinalou a portavoz nacionalista en Raxoi.

O procedemento de concentración parcelaria de Santa María de Villestro II - Figueiras iniciouse co decreto publicado o 4 de outubro de 1991 no Diario Oficial de Galiza e entrou na fase de aprobación de bases definitivas o 5 de novembro de 2009. Transcorreron case 27 anos desde que os propietarios e as propietarias destes terreos agardan polos definitivos para poderen cultivar e reiniciar as actividades agrarias, xa que a provisionalidade que se abre con estes procesos limita a explotación e, sobre todo, polo feito de que moitas quedan descoidadas e se enchen de maleza poden ser atacadas polos incendios, ademais de perderen parte da capacidade produtiva.

A veciñanza de Figueiras e Villestro reclama tamén que se faga unha reserva de espazo, a cargo das masas comúns e das parcelas non reclamadas, para a construción do Periférico Norte, así como para futuras ampliacións da rede viaria que transcorre pola zona afectada.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goretti-sanmartin-reclamara-pleno-xunta-axilice-concentracion-parcelaria-villestro-ii-figueiras/20180918112011002254.html


© 2018 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal