Imprimir

Goretti Sanmartín reúnese coa directiva da asociación ‘Monte do Gozo’ e comprométese a reclamar melloras de seguranza viaria en San Lázaro

bngsantiago | 14 de Febreiro de 2019

Estas estradas de San Lázaro resultan moi usadas como atallo para evitar os atascos habituais que se producen no periférico

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión coa directiva da asociación ‘Monte do Gozo’ en que localizaron diversos puntos onde cómpre mellorar a seguranza viaria.

No encontro, ao que tamén asistiron os números 2 e 3 da candidatura, Navia Rivas e Lois Calvelo, ademais do concelleiro Rubén Cela, analizaron diversos temas do barrio de San Lázaro, entre eles a preocupación veciñal para incrementar a seguranza viaria.

Neste sentido, un dos puntos que requiren unha intervención é a ponte sobre a vía do tren, do mesmo xeito que meses anteriores se mellorou a que atravesa a autoestrada, como demandara o BNG. Trátase dunha ponte moi concorrida, sobre todo nos meses de alta afluencia de peregrinos, cunha superficie inestábel que entraña riscos.

O BNG fíxose eco tamén da necesidade de dotar dunha beirarrúa a estrada de Amio, que transcorre a carón da carballeira, co obxectivo de que as persoas teñan condicións básicas para poderen camiñar con tranquilidade sen temor a seren atropeladas neste tramo da vía.

Na Costa de San Marcos, na N-636 á altura do hotel, hai outro punto conflitivo para cruzar pois non hai paso de peóns nunha vía de tres carrís, xa que os vehículos descenden a alta velocidade e non hai visibilidade suficiente. Cómpre, polo tanto, é necesario adoptar medidas para crear un paso de peóns e advertir da súa presenza, mediante iluminación semafórica ou o a que estime o persoal técnico.

Tamén detectan zonas de perigo para a mobilidade na contorna do centro sociocultural de San Lázaro, na Muíña, onde se instalaron uns lombos para reducir a velocidade que non foron efectivos. Cómpre reforzar esta intervención cunha solución técnica adecuada para este emprazamento.

Para o BNG, é evidente que coa ampliación de novos usos comerciais dos polígonos de Costa Vella e da Sionlla, estas estradas de San Lázaro resultan moi usadas como atallo para evitar os atascos habituais que se producen no periférico nos últimos anos e isto reviste perigo para a veciñanza cando os vehículos van a moita velocidade.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goretti-sanmartin-reunese-coa-directiva-da-asociacion-monte-do-gozo-comprometese-reclamar-melloras-seguranza-viaria-san-lazaro/20190214131001002382.html


© 2019 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Rúa do Home Santo, 54 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981554167
Correo: compostela@bng.gal