O BNG demanda un Pleno extraordinario para que o alcalde dea explicacións das operacións xudiciais
O Pleno, como órgano de máxima representación política da cidadanía, debe ser o lugar escollido pola Corporación para dar conta das consecuencias políticas ao abeiro destas investigacións xudiciais
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2014.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha proposición para demandar a convocatoria dun Pleno extraordinario e urxente para tratar o maior escándalo institucional desta cidade destapado pola operación Pokemon e por outras causas xudiciais que lle afectan á xestión ordinaria do Goberno local do PP.
Logo do levantamento parcial do segredo do sumario da operación Pokemon e das graves acusacións de diversos membros do Goberno municipal vertidas perante a xuíza Pilar de Lara, que se suman ás numerosas causas xudiciais abertas, o BNG de Santiago considera que cómpre debater e afrontar as responsabilidades políticas que correspondan con urxencia para evitar agrandar o deterioro institucional que padece o Concello de Santiago de Compostela. O Pleno, como órgano de máxima representación política da cidadanía, debe ser o lugar escollido pola Corporación para dar conta das consecuencias políticas ao abeiro destas investigacións.
Máis alá das responsabilidades xurídicas, que determinará a Xustiza, existen consecuencias políticas e sociais que afectan de cheo ao labor do grupo municipal do PP que, neste momento, ten 10 dos seus 13 membros imputados nalgunha causa xudicial e, por ese motivo, o alcalde debe darlle explicacións á Corporación.
Xunta de portavoces
Rubén Cela, en declaracións aos medios de comunicación despois da xunta de portavoces demandada pola oposición para informar da operación Patos, afirmou que chove sobre mollado, porque en Santiago de Compostela nun período inferior a tres anos pasouse por unha imputación a Gerardo Conde Roa por delito fiscal, pola operación Pokemon, pola operación Manga, polo caso Carril de persecución a un policía local, polas facturas falsas, pola operación Pato e hai varias denuncias de veciños e veciñas que foron admitidas a trámite. A sensación é de cansazo total e absoluto por parte da cidadanía e non chega só cunha xunta de portavoces, o alcalde debe responder no Pleno municipal, indicou.
Referiuse tamén ao atraso por razóns de tipo partidario na convocatoria do Debate do Estado do Municipio. Ë evidente que o Goberno municipal, co seu alcalde á fronte, non quere dar a cara ante a situación actual, explicou, e despois do dano producido á imaxe de Santiago e ao funcionamento ordinario deste Concello, o mínimo é que pidan desculpas e asuman as responsabilidades políticas.