O BNG transmítelle o apoio ao persoal do Centro de Coordinación do 061 e do 112
A Xunta pretende a deslocalización forzosa de preto de 300 profesionais a un edificio da Axencia Galega de Emerxencias da Estrada
Santiago de Compostela, 09 de agosto de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, xunto coa candidata nº3 pola provincia da Coruña do BNG ás vindeiras elecións galegas, Rosana Pérez, participaron esta mañá nunha reunión cos representantes do persoal da Central de Coordinación do 061 e do Servizo de Emerxencias do 112 en Santiago de Compostela, para tratar o seu traslado forzoso a un edificio da Axencia Galega de Emerxencias da Estrada.
O BNG considera que o traslado que pretende a Xunta de Galiza é un cambio arbitrario, forzoso e carente de lóxica, pola perda da centralidade e de operatividade. Ademais, de innecesario porque supón un forte desembolso para as arcas públicas despois de facer reformas nas instalacións actuais no ano 2011 e tendo en conta que o novo centro da Estrada foi orzado en 8 millóns de euros e tivo 5 millóns máis para a súa dotación.
Para o BNG, trátase dun cambio que non obedece a criterio técnico ningún, nin vai supor unha mellora no funcionamento do servizo. Vense de facer un importantísimo desembolso de diñeiro público nun novo edificio, que non facía falta. Ao xuízo dos nacionalistas eses cartos estarían moito mellor investidos en cuestións máis importantes e urxentes como o aumento das ambulancias dispoñíbeis ou en dotar mellor os equipos de intervención.
Entre a Central de Coordinación do 061, instalado en Santiago de Compostela dende a súa entrada en funcionamento, e o Servizo de Emerxencias do 112 estamos a falar de que, de producirse este traslado, vai implicar un cambio de residencia e/ou un sobrecuste que repercute nas súas condicións salariais de preto de 300 persoas. Así, para o BNG, de facerse efectiva esta deslocalización, reivindican que se chegue a un acordo co persoal que presta estes servizos para que se compensen as súas condicións laborais derivadas do cambio introducido.
Rosana Pérez trasladoulles o apoio do BNG ás reivindicacións do cadro de persoal por entender que se son absolutamente razoábeis. Así mesmo, Rubén Cela lembroulles que o BNG xa levou hai case un ano, en setembro de 2015, ao Pleno municipal unha iniciativa para apoiar estas reivindicacións de profesionais do 112 e do 061 para permaneceren en Santiago de Compostela, e que se for preciso o volverían facer.