O BNG participa na Marcha polos Dereitos Humanos no Sáhara que chega este sábado a Compostela
A formación nacionalista apoia a loita polo dereito de autodeterminación saharauí, pola súa liberdade e pola paz
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2014.- O BNG de Santiago anima a participar na Marcha polos Dereitos Humanos no Sáhara Occidental, convocada pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que sairá este sábado ás 9:00 do Campo do Souto (Padrón) e rematará arredor das 14:00 horas na praza de Praterías de Santiago de Compostela, onde está prevista a lectura dun manifesto.
Na marcha participarán Goretti Sanmartín e Montserrat Prado, da Executiva do BNG, así como militantes e simpatizantes da formación nacionalista, entre outras persoas.
O BNG apoia a loita polo dereito de autodeterminación saharauí, pola súa liberdade e pola paz. Entre as reivindicacións que secunda a formación nacionalista, figura a ampliación das competencias da Misión das Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental que, ademais de lle dar cumprimento á resolución da ONU e de garantir o dereito do pobo saharauí á autodeterminación, estea facultada para denunciar diante da comunidade internacional as agresións aos dereitos humanos durante os anos de sometemento ao poder marroquí.
Para o BNG, a descolonización do Sáhara é un problema enquistado que precisa de esforzos políticos para a súa resolución, que pasan pola atención humanitaria, pola vixilancia e pola denuncia dos organismos internacionais perante a conculcación dos dereitos humanos que padecen as persoas saharauís.