O BNG pregunta a Interior polas incongruencias dos informes policiais na protesta contra a Troika
A deputada do BNG Rosana Fernández critica que Interior se limite a perseguir cidadáns que exercen os seus dereitos fundamentais a manifestarse e se mova por afán recadatorio en lugar de perseguir os delitos fiscais de guante branco
Madrid, 8 Xaneiro 2015. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha pregunta parlamentar dirixida ao Ministerio de Interior para pedirlle explicacións pola teimuda persecución a cidadáns que exercen o seu dereito fundamental a manifestarse en contra das políticas do austericidio.
A deputada do BNG alude en concreto ás desorbitadas sancións e á apertura de dilixencias xudiciais contra os tres representantes políticos do BNG, Rubén Cela, Paulo Carballada e Alfonso Losada, por ter participado o pasado 25 de agosto nos actos de protesta pola visita de Merkel a Compostela. Aquel día houbo un despliegue policial desmesurado, identificacións indiscriminadas e inxustificadas e a represión de dereitos fundamentais.
Todo o mundo viu as imaxes de cidadáns polo chán golpeados pola policía
A parlamentar nacionalista lembra a desproporcionada actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e todo o mundo puido ver as imaxes que daban testemuña da brutalidade policial empregada contra os manifestantes, imaxes de cidadáns postrados no chán, cercados por axentes ou bloqueados de pés e máns. Mais a pesar da agresividade policial, resulta que axentes da policía fixeron un atestado policial con acusacións moi graves contra os tres manifestantes. No atestado acúsalles de terlle substraído a arma regulamentaria a un dos axentes, e de terlle clavado un obxecto punzante a outro dos policías.
Un informe non críbel.
Rosana Pérez pón de manifesto as incongruencias dun atestado deste xeito porque de se ter producido os feitos que din, deducimos que se tiñan que ter producido detencións imediatas porque son feitos graves. Máis non houbo detencións, e temos que concluir que non hai congruencia entre as acusacións da policía e o sucedido na realidade.
Ademáis, recalca a parlamentar nacionalista, non sería a primeira vez que unha sentenza xudicial pón en cuestión un atestado da policía.
Rosana Pérez vai máis alá destes feitos concreto e fai unha crítica da represión que practica Interior desde o inicio da presente lexislatura. Situacións como a descrita evidencian que o Goberno fai gala do seu carácter represor e practica a cara máis represora da Lei de Seguridade Cidadá, nacida para intimidar, aterrar e como elemento disuasorio de manifestacións e protestas. A deputada nacionalista enmarca o modo de proceder de Interior cos cidadáns na mellor tradición anti democrática propia de tempos pasados que se quer recuperar.
A deputada do BNG dirixe ao Ministerio unha batería de preguntas relacionadas coa restrición dos dereitos fundamentais dos cidadáns: Non resulta excesivo castigar deste xeito a cidadáns por mostrar de xeito pacífico na vía pública o seu malestar polas políticas de recortes? Como se explica que a policía faga un atestado con acusacións tan graves contra os tres representantes do BNG e non houbera detencións? Resulta críbel que un cidadán arrebate a arma regulamentaria a un policía sen consecuencias no momento? Non debería poñerse en cuestión unha denuncia policial tan pouco consistente?.
Ademáis, a parlamentar nacionalista formula unha serie de preguntas críticas coa represión xeralizada que este Goberno practica cos manifestantes e cidadáns: Vai o Goberno a reconsiderar a súa política represiva para cos cidadáns que se manifestan pacificamente? Non debería deixar de perseguer aos cidadáns e adicarse a perseguer aos delitos de guante branco que desfalcan millóns de euros do erario público?.
As últimas cuestións que formula a deputada do BNG están relacionadas co custe do dispositivo policial despregado o 25 de agosto. Por que non resposta o Goberno á pregunta realizada polo BNG sobre o custe desta operación? Considera que é un exercicio de transparencia non informar de cuestións que afectan ao erario público.