O BNG traslada ao Pleno as reivindicacións dos preferentistas para obter unha solución definitiva
Propoñen ver de rescindir as contas financeiras con NovaGalicia Banco, de non ofrecer unha solución global; instar aos representantes no Congreso a que voten a favor da proposición de lei para eximilos das quitas impostas e dirixirse á Delegación do Goberno para arquivar as denuncias a preferentistas por participaren en mobilizacións para recuperaren os seus cartos
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2014.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno de abril unha moción destinada a obter a solución definitiva ao conflito das participacións preferentes.
Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, até agora houbo unha serie de incumprimentos por parte do Goberno da Xunta de Galiza, do Goberno do Estado español e da propia entidade financeira NovaGalicia Banco, que provocan que no conxunto do noso país fiquen máis de 500 millóns de euros sen devolverlles a máis de 35.000 persoas. No caso concreto de Santiago, os datos estimativos da Plataforma de Afectados sinalan que, das 2.000 persoas con preferentes, un 50% recorreu positivamente á vía de arbitraxe e recuperou os cartos, mais o resto soportaron quitas que oscilaron entre un 27% e un 67% dos seus aforros ou directamente non aceptaron a opción de troco por liquidez e recorreron pola vía legal para recuperaren a totalidade do diñeiro (un 85% do pagamento lle corresponde ao FROB e só o 15% á entidade bancaria se a sentenza é favorábel).
Rubén Cela lembrou que Feijóo non cumpriu co seu compromiso adquirido publicamente na campaña das eleccións galegas de darlle unha solución definitiva a este problema, nin en decembro de 2013 cando accedeu á privatización de NGB despois de inxectar máis de 9.000 millóns de euros de fondos públicos sen esixir unha solución para os afectados das preferentes recuperaren o seu diñeiro.
Así, o BNG defenderá no Pleno de abril que no caso de que NGB non ofreza unha solución global para o conxunto de preferentistas, o Concello de Santiago analice a posibilidade e a viabilidade de rescindir as contas financeiras con esta entidade.
Avoga tamén porque o Pleno da Corporación inste aos portavoces dos grupos parlamentarios con representación no Congreso a que voten favorabelmente da proposición de lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza para eximir das quitas os preferentistas.
E ademais, propón instar á Delegación do Goberno a que retire ou arquive as denuncias a preferentistas por defenderen os seus dereitos en manifestacións. No caso concreto de Santiago só queda unha sanción pendente, en recurso de alzada, mais hai outras zonas do país que teñen acumulados máis de 16.000 euros en sancións contra preferentistas por participaren en mobilizacións para recuperaren os seus cartos.