Cienfuegos lémbralle ao Goberno local que o uso de composteiros segue sen redución na taxa de lixo
Trátase dun incumprimento máis da normativa municipal por parte do Goberno de Agustín Hernández
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2015.- A concelleira Elvira Cienfuegos aproveitou a presentación da nova convocatoria para solicitar composteiros domiciliarios para lembrar que o Goberno local segue sen aplicar a redución do 50% do importe da taxa de lixo como estabelecen as ordenanzas municipais. Trátase dun incumprimento máis da normativa municipal por parte do Goberno de Agustín Hernández, indicou.
A raíz da presentación pública desta edición da campaña, a concelleira destacou que o BNG requiriu, en reiteradas ocasións durante este mandato, que o Goberno local aplicase as bonificacións estabelecidas nas ordenanzas fiscais a aquelas persoas que realizan compostaxe e, por conseguinte, evitan que os residuos orgánicos engrosen o lixo que o concello entrega a SOGAMA.
Así, en 2012, cando o BNG detectou que o Goberno local deixara de efectuar estas bonificacións na taxa de lixo, rexistrou unha pregunta para coñecer os motivos e as previsións para reparar esta situación. Como proseguiu o incumprimento, en outubro de 2014 trasladou de novo este requirimento ao Pleno municipal mediante un rogo e, tres meses despois, moitas das persoas beneficiarias desta redución na taxa de lixo seguen sen tela aplicada nos seus recibos.
Porén, na presentación pública da nova convocatoria, por parte da concelleira Teresa Gutiérrez, informouse do aforro do 50% no citado recibo para as persoas que utilicen os composteiros cando na realidade aínda segue sen regularizarse a situación de moitas das persoas que veñen realizando a compostaxe e solicitaron a bonificación en tempo e forma.