O Concello de Santiago fará un recoñecemento a Francisco Asorey, a iniciativa do BNG
Unha placa conmemorativa do 125 aniversario do seu nacemento, no que foi o seu obradoiro artístico, contribuirá a difundir o seu legado á cidade, que forma parte da paisaxe urbana
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2014.- O Concello de Santiago aprobará unha moción conxunta no vindeiro Pleno, a iniciativa do BNG logo de reunirse coa asociación cultural Francisco Asorey, co obxectivo de realizar un recoñecemento público da figura e da obra deste escultor, mediante a instalación dunha placa conmemorativa do 125 aniversario do seu nacemento na fachada do que foi o seu obradoiro artístico, para contribuír a difundir o seu legado na cidade.
Formado na Escola de Artes e Oficios de Sarriá (Barcelona), onde aprendeu o recurso estilístico de mirar cara á escultura do pasado para atopar camiños de futuro e as destrezas propias do Noucentisme catalán, xunto coas inquedanzas renovadoras da época, axiña se converteu en profesor no obradoiro de Artes e Oficios de Baracaldo (Biscaia) para achegarse ao costumismo tradicionalista vasco onde traballou por encargo para numerosas personalidades. Logo, en Madrid, aproveitou para completar a súa formación coa análise de esculturas de Rodin, Bourdelle e Mestrovic, para adoptar unha linguaxe clásica que se transformou na busca da rotundidade dos volumes claramente expresionistas.
En 1918 instalouse definitivamente en Santiago de Compostela, despois de obter praza por oposición como escultor anatómico na Facultade de Medicina e un ano máis tarde abriu un obradoiro en Caramoniña, a carón do mosteiro de San Domingos de Bonaval, convertido en escola á que chegaban novos artistas ansiosos de aprenderen de quen lles imprimiu ás súas obras o espírito galeguista da xeración Nós e era recoñecido e premiado nos certames galegos e estatais máis prestixiosos da época.
A súa obra escultórica forma parte da paisaxe urbana de Santiago ao atoparse tanto en espazos públicos emblemáticos como en lugares de doado acceso como museos, igrexas e institucións públicas. O célebre monumento a San Francisco de Asís, o capitel e escudo do Hotel Compostela na praza de Galiza, o códeo compostelán no Seminario de Estudos Galegos, así como numerosas lápidas, chamadores e bustos, entre outros, conforman o que se podería chamar o compendio da iconografía da historia humana do século XX da cidade de Compostela. Cómpre lembrar tamén a plasticidade das maternidades como A Naiciña e conxuntos escultóricos como O Tesouro, pola esencia da identidade de Galiza que transmiten.