Coa designación doutra concelleira non electa agrándase o esperpento do Goberno local do PP
Producirase a enésima reestruturación do Goberno local neste mandato cos prexuízos que iso causa na xestión ordinaria da administración local, advirte Rubén Cela.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG Rubén Cela sinalou que a designación de Maite Cancelo como substituta de Ángel Currás será un novo dedazo de Agustín Hernández, ao tratarse dunha persoa que non pasou polas urnas para formar parte da Corporación municipal de xeito democrático, o que responde a unha situación esperpéntica. Cómpre lembrar que só queda unha persoa no grupo de Goberno que iniciou este mandato e que só cinco dos 13 actuais ían na lista coa que o PP concorreu ás eleccións.
Coa entrada desta nova concelleira, o alcalde avanzou unha remodelación das competencias do grupo de Goberno no mes de xaneiro, a catro meses das eleccións, o que vai constituír a enésima reestruturación do Goberno local neste mandato cos prexuízos que iso causa na xestión ordinaria da administración local. Rubén Cela cuestionou tamén que, mentres tanto, o Consorcio da Cidade segue sen xerente coas consecuencias negativas que ten esta carencia para o seu funcionamento.
A concelleira que agora escolleu o alcalde formaba parte do organigrama de Ángel Currás que finalmente desterrou Agustín Hernández tras a inhabilitación dos sete edís que acordaron o pago da factura de Adrián Varela en Xunta de Goberno. De confirmarse que estea chamada a ser a nova responsábel de Servizos Sociais, será a cuarta persoa que teña estas funcións no que vai de mandato municipal, despois de Paula Prado, María Castelao e María José Corral; cando esta área é de suma importancia nos tempos de crise económica actuais.