Os orzamentos municipais están concibidos como unha ferramenta electoral do PP
Rubén Cela destaca que os orzamentos municipais están concibidos como unha ferramenta electoral do PP en vez de atender as necesidades das persoas
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha avaliación xeral dos orzamentos municipais de 2015 e destacou que están concibidos como unha ferramenta electoral e non contemplan as prioridades que precisa Santiago. Denotan unha falta de visión estratéxica e de futuro para Santiago, para a súa reactivación económica, creación de emprego e protección social, explicou. Unha vez máis por parte do PP, elaboráronse con nula participación cidadá e sen vontade real de recibir achegas dos grupos da oposición. Non son os orzamentos que merece e precisa unha cidade como Santiago de Compostela, indicou, pois nin sequera contemplan un plan de emprego xuvenil aprobado no Pleno a proposta do BNG.
Destacou que o espírito destas contas ten un marcado carácter preelectoral e propagandístico, posto que a principal medida recollida nestes orzamentos é a denominada renda social cando a propuxo o BNG de xeito reiterado ao grupo de Goberno do PP nos últimos anos e tamén de xeito reiterado o PP nunca a tivo en conta e, casualmente, a seis meses das eleccións municipais é cando se recolle nos orzamentos parcialmente.
Para o BNG, nun contexto socioeconómico como o actual, con máis de 22.000 persoas con risco de exclusión social en Santiago das cales máis de 4.000 viven nunha situación de pobreza extrema, a absoluta prioridade duns orzamentos dese tipo teñen que ser as persoas e evidentemente as máis vulnerábeis e con máis dificultades; as que están a pagar os pratos rotos dunha crise que non provocaron.
Neste sentido, o BNG propuña dúas liñas de actuación, por unha banda intervir mediante bonificacións e exencións no ámbito tributario municipal e, por outra, ter unha actuación directa máis alá das políticas habituais no ámbito dos servizos sociais. Se ben o BNG considerou positivo incrementar as partidas nominativas a entidades sociais como o albergue Xoán XXIII e á Cociña Económica, esas medidas parécennos insuficientes porque o Concello de Santiago non pode abdicar das súas responsabilidades con respecto á veciñanza que o está a pasar peor a causa da crise, polo que se fai necesario estabelecer liñas de actuación directa a eses segmentos máis desprotexidos.
Así, o BNG require saber os criterios cos que se vai estabelecer esta axuda chamada de renda social. Para Rubén Cela, deberíase centrar en persoas desempregadas de longa duración, unidades familiares con todas as persoas en situación de desemprego, unidades familiares que non chegan ao IPREM ou a quen perciben pensións mínimas.
Fume propagandístico
Criticou tamén o carácter propagandístico do capítulo de investimentos que inclúe partidas plurianuais, O PP vende investimentos para estación intermodal, a reforma do estadio de San Lázaro ou a reforma do Auditorio a longo prazo, cando no exercicio de 2015 figuran partidas irrisorias que sabemos que non se van executar, dixo. Hai unha serie de partidas de investimentos que son absoluto fume e non se van concretar en 2015, indicou, e algúns proxectos nin sequera teñen consignación orzamentaria asegurada, porque dos 12 millóns de euros de investimentos só unha cuarta parte se prevén financiar con recursos propios do Concello e hai entorno a 2 millóns de euros que van depender da venda de parcelas municipais que, nin sequera, teñen os expedientes iniciados.
Trampas contábeis, o 75% sen executar en anos anteriores
O grao de execución dos últimos anos foi ínfimo no pasado exercicio se deixou sen executar o 75% do dispoñíbel para investimentos. A situación económica-financeira do Concello procede unha mala xestión nos últimos anos, derivada de endebedarse a longo prazo por máis de 12 millóns de euros, cantidade superior ao que necesitaba e cun xuros moi altos, e en 3 exercicios continuados o grao de execución do investimento previsto foi ridículo, indicou.
Sen acordo da mesa de negociación cos sindicatos
A mesa de negociación cos sindicatos pechou sen acordo por mor do cumprimento do convenio colectivo e este xoves está convocado un paro do persoal municipal en protesta. Así, Rubén Cela fixo un chamamento ao Goberno local a que se sente a negociar cos representantes dos traballadores e das traballadoras porque, se algo ten demostrado a falacia do plan de axuste é que foi innecesario e pagaron as consecuencias en base a recortes de dereitos laborais.
Puxo de manifesto, ademais, que no apartado de gastos de Alcaldía figuran dúas partidas en concepto de publicidade e propaganda de 218.500 euros e outra de comunicación, publicidade e propaganda de 162.000, cando en 2014 existía unha única partida de 165.000 euros para difusión de Alcaldía.