Chamamento a participar nun acto de protesta contra a sanción de 500 euros a un gandeiro
Haberá unha performance e cancións con humor crítico alusivas a esta inxustiza que contribúe a dificultar o desenvolvemento das actividades agropecuarias
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2014.- O BNG e a Federación Rural Galega convocan unha concentración en protesta pola sanción de 500 euros a un gandeiro por as súas vacas deixaren excrementos nunha vía rural, situada en zona de concentración parcelaria, no traslado do prado á explotación. O acto será este venres 28 de novembro ás 16:30 horas na praza do Obradoiro.
Haberá unha performance e cancións con humor crítico alusivas a esta inxustiza do Goberno local do PP, que contribúe a dificultar o desenvolvemento das actividades agropecuarias no concello de Santiago.
Esta sanción pode constituír un grave precedente para as persoas que desenvolven a actividade agraria, en particular ás que practican a gandaría extensiva ou semi-extensiva, baseada na alimentación a base de pasto natural e que está promovida polas administracións polo seu interese social, pola contribución á conservación do medio ambiente e por favorecer a obtención de produtos para unha alimentación san e de maior calidade.
O BNG cuestiona a dobre vara de medir do Goberno local de Santiago, que se afana en multar e en dotar dunha vixilancia policial exhaustiva esta explotación gandeira, mentres tarda en abrir expediente a empresas concesionarias de servizos públicos e lles aplica sancións mínimas para o volume de negocio que teñen, como o caso das irregularidades detectadas nas escolas infantís.
Cando o PP chegou a Alcaldía de Santiago, quixo pechar a feira de gando de Amio e foi a protesta social e política quen freou esta decisión. Con esta sanción a un gandeiro que practica a gandaría semi-extensiva, o PP volve demostrar a seu desprezo ao rural e a súa intención de afogar os sectores produtivos no concello de Santiago.
Cómpre lembrar ademais que se lle aplica unha sanción contida nunha ordenanza creada para o ámbito urbano, para animais de compañía, cando esta norma exclúe a gandaría entendida como cría de animais con fins de abasto.