Apróbase a candidatura encabezada por Rubén Cela para as eleccións municipais
O BNG incorpora no primeiro tramo catro persoas non militantes, froito do proceso de asembleas abertas Construíndo futuro
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2014.- A asemblea local do BNG aprobou -co 97% a favor e ningún voto en contra- o primeiro tramo da candidatura á Alcaldía de Santiago de Compostela, que estará encabezada por Rubén Cela, logo dun proceso de asembleas abertas en que se propuxeron nomes e perfís para conformar a listaxe nacionalista que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais de 2015.
O BNG é garantía de diálogo, de transparencia e de cohesión, para vertebrar a cidade cunha idea de país. Así, Rubén Cela comprometeuse a ofrecer diálogo, en contacto coa cidadanía e cos demais grupos; transparencia, para acabar coas prácticas escurantistas do actual Goberno local do PP; e cohesión para aplicar un modelo de cidade con idea de país.
Ademais de Rubén Cela (1), licenciado en Economía e actual portavoz municipal, forman parte Goretti Sanmartín (2), doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa e activista do movemento feminista; Rafael Vilar (3), escritor e traballador na CIG, ademais de concelleiro; Concha de la Fuente (4), ex-presidenta da asociación veciñal A Xuntanza de San Pedro e traballadora da Radio Galega; Lois Calvelo (5), ex-presidente da asociación veciñal do Castiñeiriño e activista do movemento veciñal; e Pilar Lueiro (6), profesora de lingua galega e traballadora no grupo municipal.
Tamén forman parte da lista Odilo González (7), enxeñeiro informático e membro de Suevia Fútbol Gaélico; Marta Domínguez (8), traballadora dunha planta de reciclaxe e activista da Plataforma de afectados/as polas participacións preferentes; Xosé Lois Mouriño (9), músico e artesán de instrumentos tradicionais; Lucía Carreira (10), presidenta da Asociación Cultural-Musical Solfa e ex-presidenta da Federación Galega de Bandas de Música Populares.
Seguen Salvador Martí (11), hostaleiro do bar Abrente e presidente da Asociación de Hostalería Solidaria; Manuel Domínguez (12), presidente da Agrupación de Emigrantes Retornados; e Margarida Ledo (13), catedrática de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Información da USC, que pecha este primeiro tramo.
A raíz do proceso Construíndo futuro, incorporáronse catro persoas non militantes do BNG nesta primeira parte da lista: Concha de la Fuente, Xosé Lois Mouriño, Salvador Martí e Margarida Ledo Andión, xa que se concorrerá coa denominación BNG - Asembleas Abertas. Ademais, no transcurso da asemblea avanzouse que Elvira Cienfuegos, actual número dous e que cumpriu un papel importante de transferir a experiencia dos 12 anos que leva na Corporación, ocupará o posto 25 da candidatura.