Elvira Cienfuegos defenderá no Pleno a restauración do sistema do préstamo de libros de texto
O Concello de Santiago carece de liñas de apoio ás familias con menos recursos para a adquisición de material escolar e tampouco contribúe a enriquecer os bancos de libros das ANPA nos centros educativos
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2014.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos presentou en rolda de prensa unha moción para demandar da Xunta de Galiza a restauración do sistema de préstamo dos libros de texto. Reclama tamén que se dote os centros educativos de persoal suficiente para xestionar axeitadamente o sistema de préstamo e que non se cambien os libros de texto para o vindeiro curso escolar mesmo nos cursos nos que se vai implantar a LOMCE.
O BNG non só se opuxo senón que manifestou, de xeito reiterado, o seu rexeitamento á substitución do sistema de préstamo dos libros de texto polo de axudas para mercalos ás familias con menos recursos, que foi adoptada polo Partido Popular ao pouco de chegar ao Goberno da Xunta, indicou Elvira Cienfuegos.
Esta medida era tan pouco acaída que non tardou en propiciar que as Asociacións de Nais e Pais (ANPA) promoveran nos centros bancos de libros que facilitaran o intercambio e permitiran o aforro das familias, que xa teñen que facerlle fronte á adquisición doutro tipo de material escolar, sinalou.
Recentemente, foi a oficina do Defensor del Pueblo, presidida por Soledad Becerril, nada sospeitosa de afinidade co BNG, a que se manifestou no mesmo sentido. Entende que o carácter gratuíto nos niveis educativos obrigatorios debe facerse extensivo aos libros de texto ou material didáctico utilizado de xeito que non teña ningún custo para o alumnado.
Indicou tamén que a propia LOMCE estabelece que o Ministerio promoverá o préstamo gratuíto de libros de texto e doutros materiais curriculares. O vindeiro curso 2014/2015 a LOMCE entrará en vigor en 1º, 3º e 5º de primaria e en 1º de formación profesional básica, o que obrigará o alumnado destes niveis a adquirir manuais específicos.
Elvira Cienfuegos sinalou tamén que ao mesmo tempo, asistimos a un recorte significativo do programa de financiamento dos libros de texto no ensino obrigatorio a respecto do ano anterior, no que xa as axudas eran escasas e insuficientes. Pode por tanto acontecer que haxa alumnado que non poida acceder os materiais necesarios para seguir as clases con normalidade e haberá outro para o que supoña unha seria dificultade, indicou.
Dado que o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios constitúe un instrumento dirixido a garantir o acceso de todos e todas a estes estudos, entendemos que a gratuidade ten que facerse extensiva aos libros de texto e calquera outro material didáctico, explicou.
O Consello Municipal de Educación, sen constituírse neste mandato do PP
O Consello Escolar do Estado, no seu informe do curso 98-99, xa se manifestaba neste mesmo sentido. De estar funcionando o Consello Municipal de Educación, órgano de participación que aínda non se constituíu e debería terse reunido, cando menos, dúas veces por curso, de seguro se tería pronunciado neste sentido porque a Federación galega de ANPA ten claro que a educación é un dereito que os poderes públicos teñen que garantir e por iso demandan gratuidade dos recursos que se utilicen no ensino. Neste sentido, lembrou, que demandaron da Xunta a reposición do sistema de préstamo universal de libros de texto.
Non é a primeira vez que o tema da gratuidade do ensino obrigatorio chega ao Pleno de Santiago, aínda que até o de agora nunca se conseguiu nin resolución a favor de demandar da Xunta avances nesta dirección nin implicación directa do Concello, sinalou. Así, o Concello de Santiago carece nestes momentos difíciles para a cidadanía de liñas de apoio ás familias con menos recursos para a adquisición de material escolar, a proposta do BNG de xullo de 2013, e tampouco ten contribuído a enriquecer os bancos de libros que funcionan a través das ANPA nos centros educativos do concello. Foron algunhas das medidas que chegaron ao Pleno para paliar o déficit que a supresión do préstamo universal provocou de cara a gratuidade do ensino obrigatorio.
Agora, a vista da experiencia, da entrada da Lomce e dos apoios cualitativos Defensor del Pueblo- volvemos levar a demanda de reposición do sistema de préstamo universal que entendemos que é a mellor contribución ao avance na gratuidade do ensino obrigatorio, concluíu.
A preguntas de xornalistas, Elvira Cienfuegos explicou que o Consello Municipal de Educación está integrado polo alcalde, representantes do profesorado e do alumnado, pais e nais, directores e directoras de centros educativos, representantes sindicais, do movemento veciñal e asociacións empresariais, entre outros colectivos. Indicou tamén que o BNG trasladou en xullo de 2013 unha iniciativa ao Pleno, porque xa daquela o atraso era evidente, para que o alcalde convocase este órgano de participación, mais non temos constancia de que se constituíse o Consello Municipal de Educación neste mandato do PP, cando tiña que convocar dous anuais, cando menos.