Jorquera empraza a Feijóo a dar a cara e esixir a dimisión dos sete edís encausados
O portavoz parlamentar nacionalista asegurou que a fuxida forma parte do currículo do Presidente da Xunta ao que sumou o seu desexo por facer méritos en España
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2014. O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, pediulle ao presidente da Xunta que dea cara e deixe de fuxir ante a situación xerada polos sete edís do concello de Compostela acusados de prevaricación por prestar asistencia nun caso claro de corrupción.
O nacionalista considerou que, máis alá das conclusión da Fiscalía, os encausados recoñeceron ter cometido un enorme erro político e en política, explicou, cando se cometen erros graves, hai que asumir responsabilidades políticas, non queda outra opción máis que dimitir por limpeza e hixiene política.
O BNG empraza a Feijóo a asumir as súas responsabilidades
Jorquera na súa comparecencia, tras a Xunta de portavoces, emprazou a Feijóo a que asuma as súas responsabilidades políticas como Presidente do Partido popular de Galiza e da Xunta para non incumprir o compromiso formulado en sede parlamentar. Debe instar a estas persoas a dimitir inmediatamente, reiterou o deputado.
Por outra parte, tamén acusou ao titular da Xunta de facer méritos en España, en alusión a viaxe electoral que está a realizar estes días por diferentes puntos xeográficos do Estado español con propostas como a realizada recentemente a Felipe González para unha grande coalición encabezando un grupo de traballo sobre a reforma da sanidade, nós, afirmou, emprazamos a Feijóo a que en Galiza deixe de deteriorar a Sanidade pública e que deixe tamén de dar a fuxida por resposta.