[Orzamentos] Se hai que reforzar o ámbito social é polas políticas que empobreceron a cidade

[Orzamentos] Se hai que reforzar o ámbito social é polas políticas que empobreceron a cidade

Rubén Cela: “Este goberno é incapaz de atender as cuestións do día a día, é incapaz de reparar as pingueiras dos colexios públicos de Santiago e de ter unha rede viaria que non pareza que sufriu unha guerra”

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, a petición de xornalistas, realizou unha valoración inicial das contas municipais que cualificou como “un bluf” porque este goberno local “é incapaz de atender as necesidades do día a día”.

Rebateu as exposicións do goberno municipal coa explicación de que estes orzamentos “nin son expansivos nin dinamizadores da economía; o mellor exemplo é o capítulo de investimentos, que contempla 9,9 millóns de euros cando 6 deles dependen de que se pida un crédito que aínda non é seguro que se solicite, co que só están garantidos 3,3 millóns de investimento”. “Poderíase dicir que nunha cidade como Santiago, con só 3,3 millóns de euros de investimento, vai ter uns orzamentos expansivos e dinamizadores?”, preguntouse.

O BNG podería subscribir un por un os principios inspiradores dos orzamentos, proseguiu, e por suposto que para o BNG a prioridade debe ser a protección social e a creación de emprego, tamén está por unha política impositiva axeitada á situación socioeconómica que sofren moitos veciños e veciñas, pola modernización da administración pública e pola dinamización da base económica de Santiago.

“Mais cada vez que entramos no detalle dos apartados destes orzamentos, a realidade dista moito destes principios, e moitas das medidas que se teñen que adoptar agora son precisamente froito das políticas de recortes dos anteriores orzamentos”, indicou. Se neste momento hai que reforzar o ámbito social é porque as anteriores políticas a nivel local, galego e estatal en materia laboral, económica e social nos teñen levado a ter máis de 22.000 persoas en risco de exclusión social e a máis de 4.000 na pobreza extrema en Santiago de Compostela, expuxo.

Sobre as políticas de emprego, sinalou que o importante é saber en que se van destinar eses fondos e a efectividade desas actuacións. “Se hoxe temos que falar diso é porque en Santiago temos a máis de 9.000 persoas en situación de desemprego”, afirmou o portavoz nacionalista en Raxoi.

Para Rubén Cela, este goberno é incapaz de atender as cuestións do día a día, “é incapaz de reparar as pingueiras dos colexios públicos de Santiago e de ter unha rede viaria que non pareza que sufriu unha guerra”. “Este goberno, incluso con recursos, vai ser incapaz de incidir positivamente na marcha desta cidade, cada vez máis parada, máis empobrecida e baixa de nivel”, agregou.

A preguntas de xornalistas sobre o anuncio de contratación de empresas para suplir a necesidade de persoal municipal, explicou que o PP, e en gran medida tamén o PSOE, trazan un plan normativo que limita o marco de actuación das entidades públicas, cunha taxa de reposición nula ou escasa de efectivos de servizos básicos para a comunidade co fin de xustificaren a privatización indirecta de servizos públicos.

“É a lóxica máis perversa dunha dereita trasnoitada e de aí veñen moitos dos problemas de corrupción e de malas prácticas nas administracións públicas e eses servizos externalizados, que non deixa de ser un eufemismo de privatizados, nin funcionan mellor nin a medio e longo prazo son máis baratos”, indicou. “Trátase dunha aberración que ten o punto de partida nun marco normativo feito ao ditado e ao servizo das grandes corporacións e empresas”, explicou.

[Orzamentos] Se hai que reforzar o ámbito social é polas políticas que empobreceron a cidade