Pola retirada da suba das cotizacións a autónomos que lle afecta a máis de 7.100 composteláns
O incremento da cotización, froito dunha medida do PP, será de preto de 60 euros mensuais
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, anunciou en rolda de prensa que o BNG defenderá unha moción para demandar do Goberno do Estado a retirada da suba nas cotizacións para persoas autónomas e pequenas empresas. En Santiago de Compostela este incremento, aprobado polo Goberno do PP pola porta de atrás e sen diálogo, afectaralle a máis de 7.100 persoas.
Ademais, o BNG instará á Xunta a demandar do Goberno do Estado que aprobe as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal progresiva, que grave as grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre as persoas autónomas e pequenas empresas.
O BNG avoga por poñer en práctica políticas activas de emprego en Galiza, como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, os segmentos máis vulnerábeis para a obtención de emprego.
Rubén Cela afirmou que dende a Xunta e dende o Concello se pode facer moito máis e lembrou unha das propostas do BNG sobre a modificación da ordenanza fiscal, que o PP nin sequera quixo debater, incluía a redución nun 50% do Imposto de Actividades Económicas para mulleres e novos emprendedores menores de 35 anos que quixeran iniciar a súa actividade en Santiago de Compostela. Advertiu, así mesmo, da repercusión da fin das rendas antigas que lle vai afectar de xeito negativo ás persoas autónomas ao remate deste ano.
Incremento das cotizacións mínimas
Así, explicou que o Goberno vén de aprobar un considerábel incremento das cotizacións mínimas para as persoas autónomas que contan con 10 ou máis persoas empregadas no último ano, que representa unha suba do 22%, case 60 euros ao mes. Van pasar de 256 euros a 313 euros mensuais, o que supón que terán que pagar a final de ano 700 euros máis, indicou.
En Santiago, moitos restaurantes e pequenas empresas teñen ao seu cargo arredor de 10 traballadores, por iso esta decisión vai ter especial incidencia, agregou. Esta medida, á parte de contribuír ao afogamento dos autónomos pode ter outra consecuencia perversa, que haxa autónomos con 8 ou 9 ao cargo que non vaian contratar máis porque lle vai supor esa suba do 22% ou que sexa un incentivo para despedir se están nese limbo, dixo. Así, ese efecto indirecto será a destrución de emprego ao forzar a que as sociedades contraten menos de 10 persoas.
Por outra banda, tamén se produce un incremento da base mínima para persoas autónomas, que é a cotización maioritaria en Galiza, que provocará un incremento de máis de 60 euros ao ano para as mesmas.
En Santiago hai censadas na actualidade 7.106 persoas autónomas, segundo datos da Federación Galega de Autónomos, e en Galiza hai 215.000 persoas nesta situación.