A primeira operación urbanística de Agustín Hernández como alcalde recorda as de Conde Roa"
É evidente que o valor desa parcela en Xoán XXIII e o beneficio potencial para o promotor privado é moi superior ao custo da obra en Lamas de Abade
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, destacou que a primeira operación urbanística na que intervén Agustín Hernández recorda, tanto na forma como fondo, propostas do pasado do señor Conde Roa, en alusión ao anuncio dunha permuta urbanística mediante a que un promotor privado poderá acceder á titularidade da parcela pública do IGVS en Xoán XXIII, a 300 metros da Catedral de Santiago, a cambio de acometer unha obra de construción de vivenda pública en Lamas de Abade. Neste Concello cambian as caras dos alcaldes, mais non a política do PP, explicou.
É evidente que o valor desa parcela e o beneficio potencial para o promotor privado é moi superior ao custo do que din que van executar en Lamas de Abade; isto é un bo negocio para un promotor privado, indicou o portavoz municipal nacionalista en Raxoi, mais non é política de promoción de vivenda pública.
Así, engadiu que o PP desvirtúa o proxecto inicial para esa parcela de vivenda pública para xente nova en réxime de alugueiro cun máximo de 10 anos, precisamente sen opción de compra, para evitar movementos especulativos nunha zona especialmente atractiva pola súa proximidade ao centro histórico de Santiago de Compostela.
A actuación prevista inicialmente ía na liña de que as administracións públicas teñen que introducir vivenda de promoción e protección pública nas mallas urbanas, a vivenda protexida non tiña que estar na periferia nin extrarradios das cidades, senón en emprazamentos emblemáticos das cidades como elemento de cohesión social e de valorización da propia figura da vivenda de promoción e protección pública.
Aludiu ademais á política do PP nos últimos catro anos en materia de vivenda de protección pública, coa eliminación de Emuvissa, que pretendía a intervención dos poderes públicos no mercado da vivenda; coa consignación de cero euros cada ano a vivenda de protección pública en Santiago de Compostela, cando non foi así noutras cidades e noutras vilas; e o PP sistematicamente votou en contra de todas as propostas e emendas que o BNG trasladou ao Parlamento para incluír partidas específicas nos Orzamentos da Xunta para este fin. A última presentada polo BNG foi de 1 millón de euros, que esta mesma semana vén de ser rexeitada polo PP en comisión parlamentar, e o mesmo aconteceu nos Orzamentos de 2014 cunha emenda de 1,7 millóns de euros e así, sucesivamente, en anos anteriores.
Agardaríase dun bo alcalde a esixencia á Xunta de Galiza do cumprimento dos compromisos que tiña con esta cidade, pero é difícil pensar que Hernández lle vaia pedir á súa sucesora o que el non fixo durante todos os anos que tivo a máxima responsabilidade nesa Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, afirmou Rubén Cela.