Rubén Cela advirte da deturpación dos obxectivos do Consorcio coa adscrición ao Goberno do Estado
Para o BNG, debería contribuír a revitalizar a Cidade Histórica cunha perspectiva de rehabilitación patrimonial para atraer nova veciñanza, comercio e dinamismo
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, referiuse aos cambios introducidos no Consorcio da Cidade, tanto da xerente como dos Estatutos. O relevo na xerencia non é o que máis nos preocupa ao BNG, senón que se desvirtúe o obxectivo do Consorcio, cando tiña que ser un importante instrumento para o desenvolvemento económico, social, cultural e patrimonial da cidade, afirmou.
Estes cambios, como a remodelación do Goberno municipal a tan só 5 meses das eleccións son demostrativos do pouco normalizada que está a situación política no Concello de Santiago, explicou. Co cambio dos estatutos, de carácter imperativo por mor da Lei de Racionalización do Sector Público aprobada polo PP co rexeitamento do BNG, que fai homoxéneos todos os consorcios do Estado español para adscribilos á Administración que máis capital achegue, o Consorcio da Cidade de Santiago pasará a depender do Ministerio de Facenda. O lóxico sería que estivese adscrito ao Concello de Santiago de Compostela, porque non é casual que o presidente do Consorcio sexa o alcalde da cidade, indicou.
Sobre a deturpación dos obxectivos centrais do Consorcio, explicou que do Orzamento de 9,1 millóns, o Estado achega 4,7 millóns, o Concello 1,3 millóns de euros e a Xunta 2,6 millóns de euros, un 18% menos que o ano pasado. Isto leva a un Consorcio con menos recursos e menos capacidade de actuación para os obxectivos fundamentais, toda vez que a etapa de grandes infraestruturas está cuberta coa construción do Palacio de Congresos, do Multiusos Fontes do Sar, o Auditorio de Galiza, o Museo da Cidade, mais agora a orientación do Consorcio tiña que estar enfocada á revitalización da Cidade Histórica de Santiago, á súa posta en valor dende unha perspectiva de rehabilitación patrimonial pero tamén para facela habitábel e achegar novos veciños e veciñas, captar comercio e favorecer o dinamismo económico. Nese sentido, dos 9,1 millóns de euros de orzamento só se van destinar 80.000 euros a axudas directas á rehabilitación e 170.000 euros a actuacións nos espazos públicos da Cidade Histórica.
Ao final, tes un Consorcio que serve para manter a súa propia estrutura, a Real Filharmonía e para arranxar bens patrimoniais da Igrexa, que basicamente é ao que se dedicou nestes últimos catro anos, sinalou. Ninguén di que non haxa que arranxalos, pero non son os únicos bens patrimoniais que hai na nosa cidade, engadiu.
O BNG tamén velará para que non se eliminen os postos de traballo de 4 persoas na Oficina de Rehabilitación encargadas dos proxectos das áreas de rehabilitación integral, que renovan os contratos cada 31 de decembro e agardamos que non se perdan con estas modificacións que debilitarían este ámbito de actuación.