Rubén Cela: “Conseguimos o obxectivo de garantir que o BNG volva ter escano en Bruxelas"

Rubén Cela: “Conseguimos o obxectivo de garantir que o BNG volva ter escano en Bruxelas"

Sinala o “duro castigo” que sofren o alcalde Ángel Currás e o Goberno do PP en Santiago cun descenso electoral de 20 puntos

“O BNG en Santiago baixa 2 puntos e queda no entorno dos 3.000 votos, cunha cantidade similar á obtida hai cinco anos”

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha valoración inicial dos resultados das eleccións europeas en Santiago de Compostela e destacou o “duro castigo” que sufriu o PP de Santiago cun descenso de 20 puntos con respecto aos anteriores comicios.

Rubén Cela agradeceu a confianza que depositaron no BNG os case 3.000 veciños e veciñas de Santiago de Compostela e tamén o traballo intenso de moitas persoas militantes e simpatizantes da formación nacionalista “que se deixaron a pel” nestes días na campaña “máis potente” que, posibelmente, se fixese nunhas eleccións europeas nesta cidade. Referiuse así á multitude de actos organizados polo BNG en barrios e parroquias, con presenza na rúa e o traballo de colaboración coa veciñanza, pese a contar cun “orzamento cero, sen solicitar créditos bancarios, da censura en medios de comunicación públicos e de non enviar a propaganda e as papeletas por correo”.

“Conseguimos que Santiago de Compostela sexa a cidade con mellor comportamento electoral do BNG, tan só por detrás de Pontevedra, onde levamos gobernando moitos anos”, indicou.

Con carácter xeral, Rubén Cela entende que “o resultado que obtivo o BNG nestas eleccións europeas é bo, se temos en conta o proceso que atravesou nos últimos anos e o contexto específico en que se desenvolveu esta campaña”. “Conseguimos o obxectivo fundamental que era garantir que a compañeira Ana Miranda volvera ter un escano en Bruxelas para ser a voz que defende a resolución dos problemas dos galegos e das galegas e unha voz crítica coas políticas neoliberais do Parlamento europeo e da Troika”, engadiu.

No ámbito local, referiuse ao “estrepitoso batacazo histórico do PP nesta cidade que perde, nada máis e nada menos, que 20 puntos no seu voto, pasando dun 49,3% a un 29,1%”. Para Rubén Cela, aí está reflectido o “cansazo dunha parte importante da cidadanía de Santiago, incluída a base social e electoral do PP”. Referiuse tamén ao “duro castigo” que sofren o alcalde Ángel Currás e o seu Goberno “a comezar polos seus propios votantes e simpatizantes que lle retiran a confianza en 20 puntos”.

Analizou tamén a baixada pronunciada do PSOE en 13 puntos, pasando do 30,8% ao 17,9% e o BNG baixa aproximadamente 2 puntos e queda no entorno dos 3.000 votos, "cunha cantidade similar á obtida hai cinco anos", explicou.

A preguntas de xornalistas sobre os resultados de Podemos, afirmou que “garda bastante paralelismo cun proceso vivido nas eleccións galegas, que causa sorpresa que unha forza con escasos catro meses poida ter unha irrupción na política estatal pero hai que analizala nun contexto xeral de cuestionamento do bipartidismo español e do cansazo da sociedade das políticas moi semellantes de PP e de PSOE en materia económica e laboral, fundamentalmente”.

Ningún proceso electoral é extrapolábel a outro e, moito menos, unhas eleccións europeas, que teñen uns condicionantes como a súa baixa participación e a circunscrición única que fan que non sexa unha medida boa para equiparar con outro proceso electoral, sinalou.

Rubén Cela: “Conseguimos o obxectivo de garantir que o BNG volva ter escano en Bruxelas"