A dimisión de Adrián Varela é correcta aínda que tardía e non atalla a crise do PP de Santiago
O seu comportamento foi intolerábel politicamente ao intentar o despedimento dunha traballadora por ser muller dun sindicalista da CIG e que se pagase con fondos públicos a súa defensa xudicial
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2014.- O portavoz nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, realizou unha valoración do anuncio de dimisión do concelleiro de Deportes que cualificou de decisión correcta, como viña demandando o BNG e unha parte importante da veciñanza, pero que chega tarde e resulta insuficiente para solucionar o problema de lexitimidade e de credibilidade deste Goberno local do PP.
Para Rubén Cela, o comportamento de Adrián Varela foi absolutamente intolerábel politicamente para un cargo público, polo que a súa dimisión debera ser inmediata. sobre todo, cando se trata de cuestións tan graves como o intento de despedimento dunha traballadora exclusivamente por ser muller dun sindicalista da CIG e por intentar que se pagase con fondos públicos a súa defensa xudicial, a pesar de estar imputado por delitos máis graves como suborno, falsidade documental e tráfico de influencias.
A dimisión é o camiño que deberían seguir o resto de compañeiros do PP imputados, para que poidan defenderse sen causar máis danos á cidade, como el mesmo recoñece nos motivos que aduce para a súa dimisión.
A preguntas de xornalistas, Rubén Cela recoñeceu que feitos coma este motivan a desafección da cidadanía á política e se os cargos imputados do Goberno local de Santiago de Compostela tivesen un mínimo de querenza por esta cidade e de respecto pola institución, deberían dimitir.