O BNG require no Pleno un aumento dos fondos de axudas sociais ante o suba de persoas sen recursos
A Xunta incumpre os prazos para conceder estas achegas que resultan insuficientes ante o incremento da pobreza
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2014.- O BNG traslada ao Pleno unha moción para instar á Xunta de Galiza a incrementar a dotación de fondos no programa da RISGA ante o incremento de persoas en situación de exclusión social.
No último informe remitido polo Valedor do Pobo ao Parlamento galego indicaba que este ano, como os inmediatamente anteriores, produciuse un aumento nas solicitudes de axudas sociais ante situacións de necesidade, como son as Rendas de Integración Social de Galiza (RISGA) ou as Axudas de Emerxencia Social (AES). Tamén medrou o número de queixas en relación con elas, sobre todo por denegacións que se consideraban inxustificadas ou por atrasos nas resolucións deses procedementos, que pola súa proia natureza deben resolverse con urxencia.
Nesta liña, son moitas as persoas que denunciaron os atrasos de máis de sete ou oito meses na súa percepción e incumprimentos nas tramitacións da RISGA e da AES, cando a normativa establece que son dous meses como máximo.
No recente informe de Cáritas pódese comprobar como os datos a pobreza ofrecen un panorama desolador, sobre todo na Galiza. O informe sinala que na Galiza a pobreza infantil pasou dun 16,9% en 2007 a un 22,2% en 2012. Asemade, indica que 30.000 fogares non reciben ningún tipo de ingresos e son xa unhas 465.000 persoas as que viven baixo o limiar da pobreza.
Á luz destes datos, e dado que estas axudas para poder facer fronte a situacións de extrema necesidade e pobreza teñen urxencia para as persoas demandantes, o BNG de Santiago considera urxente o que se cumpra a Lei de Inclusión social de Galiza e que se poñan en marcha de inmediato de maneira urxente a tramitación das axudas da RISGA, para o que se deben cumprir os prazos que se estabelecen a este respecto.
Por outra banda, este incremento de persoas en exclusión social, consecuencia das erráticas políticas económicas aplicadas durante as crise, converten en papel mollado os anuncios da Xunta relativos ao incremento da dotación na RISGA para 2014, de apenas 7 millóns de euros, cando para o pagamento da débeda se consignaron sete veces máis (53 millóns de euros), e demostran a necesidade de achegar máis fondos públicos para as solicitudes se resolveren en prazo e para non incorrer en demoras inxustificábeis.