Rubén Cela defenderá unha moción para recadar apoio do Concello de Santiago a emigrantes retornados

Rubén Cela defenderá unha moción para recadar apoio do Concello de Santiago a emigrantes retornados

“Neste colectivo creou indignación ver que a Axencia Tributaria os trata como defraudadores e non como emigrantes que foron gañar o pan cun traballo que se lles negaba no seu propio país”

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou en rolda de prensa unha moción destinada a recadar o apoio do Concello de Santiago ás persoas que perciben pensións do estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria.

En concreto, require que se demande do Goberno do Estado español que proceda á modificación lexislativa para fixar un mesmo réxime do IRPF para as rendas procedentes de pensións, con independencia de se estas proceden dun estado ou de varios; o recoñecemento de oficio das pensións de invalidez expedidas nos países de procedencia coa finalidade de acreditar a exención na tributación destas pensións; e a revisión dos convenios marco con outros países para evitar que situacións deste tipo poidan volverse producir.

Segundo explicou Rubén Cela, foron milleiros as persoas galegas que se viron obrigadas a abandonaren o noso país dende o século XIX para procurar traballo cara a América; a mediados do século XX a lugares do Estado español e ao resto de Europa, sobre todo a Suíza, Alemaña, Bélxica e Holanda, entre outros. “Quen non ten un familiar emigrante”, preguntou retoricamente o portavoz municipal nacionalista, “unha parte deles retornaron a Galiza e, no caso concreto de Santiago de Compostela, os datos oficiais falan de máis de 3.000 persoas que emigraron e que actualmente residen na nosa cidade”.

Moitas destas persoas, nos últimos tempos, atoparon unha “desagradábel sorpresa”, unha comunicación en forma de requirimento da Axencia Tributaria que lles pedía que declarasen as cantidades percibidas coa finalidade de proceder á regularización ou, no seu caso, á formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondentes aos exercicios de 2008 a 2011. Ademais da sorpresa inicial, “neste colectivo creou indignación ver que a Axencia Tributaria os trata como defraudadores e non como emigrantes que foron gañar honradamente o pan cun traballo que se lles negaba no seu propio país”, cando é evidente que esas persoas non foran informadas debidamente o que confirma a falta de intencionalidade de defraudar, posto que os estados pagadores nunca expediron a certificación que lles reclaman.

Esa contestación social, que o BNG ten apoiado sempre, foi a que conseguiu que o PP recuase parcialmente na súa posición inicial e a que motivou que se introducise na reforma fiscal prevista para 2015 un proceso de regularización deste colectivo aínda que non asegura un trato fiscal equitativo, sinalou Rubén Cela.

Rubén Cela defenderá unha moción para recadar apoio do Concello de Santiago a emigrantes retornados