Rubén Cela destaca o clima de cohesión do BNG e a receptividade social para elaborar a candidatura
Ao falar con persoas non militantes para incluílas na lista, comprobamos que existe unha receptividade social moi alta ás propostas do BNG de Santiago
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2014.- Rubén Cela valorou, a preguntas de xornalistas, a escolla do primeiro tramo da lista do BNG-Asembleas Abertas que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais de 2015.
Explicou que se fixo cun proceso diferente aos anteriores, en que puideron participar non só militantes do BNG senón aquelas persoas que quixeron achegar o seu punto de vista, as súas ideas e propostas concretas de nomes para conformar a lista electoral. Foi un proceso diferente, nun clima de cohesión que non recordaba, indicou.
Este proceso permitiunos facer unha candidatura moi boa, cun equipo de persoas moi competente, moi coñecida e recoñecida en diferentes ámbitos en Santiago de Compostela e tamén moi plural, engadiu. De aí saíu unha candidatura mixta, conformada por militantes e non militantes, cos que comprobamos que existe unha receptividade social moi alta.
Así, destacou o mérito de que haxa xente que non milita no BNG que neste tempo tan confuso e tan convulso politicamente se aproxime para traballar a prol dunha candidatura dunha organización política como o BNG. Referiuse ademais aos perfís incluídos na candidatura que son procedentes dos movementos veciñal e social, como o conflito das preferentes e dos emigrantes retornados, xente do mundo da cultura, do ensino, da empresa, da hostalería, do feminismo...
Deste xeito, dixo asumir esta responsabilidade de encabezar a candidatura con moitas gañas e tendo en conta que require moita dispoñibilidade e traballo, por iso é unha decisión meditada e consciente do que significa volver encabezar unha candidatura.
Manifestou tamén que asume liderar este proceso con orgullo de que haxa tantos compañeiros e compañeiras que entenderan que era a persoa máis acaída para encabezar este proxecto, que vai ser ilusionante co punto de partida da confección desta candidatura e do bo clima interno que hai no BNG, pero tamén co bo recordo que existe na veciñanza de Santiago do labor realizado nas áreas de goberno do BNG e como oposición.
Toca agora seguir a pasear moitas rúas, falar moito con veciños e veciñas e preparar a boa alternativa que merece Santiago, despois destes tres anos de desgoberno e de cor gris en moitos aspectos, que agora asuminos con máis experiencia que hai catro anos porque este tempo nos valeu para coñecer mellor os problemas da cidade e as solucións e alternativas que o BNG vai presentar á veciñanza, concluíu.