Rubén Cela: “A Xunta degradou Santiago de Compostela de capital do país a unha cidade de segunda”

Rubén Cela: “A Xunta degradou Santiago de Compostela de capital do país a unha cidade de segunda”

“Valente anuncio de Feijóo anunciar que vai ingresar a cantidade reducida do Estatuto de Capitalidade”, ironizou o portavoz municipal do BNG

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, sinalou que a reunión do alcalde co presidente da Xunta foi “unha escenificación”, nun intento do PP de tratar de visualizar que a Xunta de Galiza se vai afanar con Santiago de Compostela. “No caso de que iso fose certo”, proseguiu, habería que preguntarse por que a Xunta nos últimos anos “viviu de costas a Santiago de Compostela e maltratou e castigou reiteradamente nos diferentes exercicios orzamentarios esta cidade” e mesmo “degradou” de capital de país a unha cidade de segunda ou de terceira categoría.

“Non houbo nada novo nin concreto enriba da mesa nesa reunión”, afirmou. Así, destacou que anunciaron que a Xunta vai pagar o que estaba comprometido, de xeito reducido, no marco do Estatuto de Capitalidade de Santiago de Compostela. “Só faltaría que non pagase a Xunta de Galiza”, engadiu, “á parte de ser a cantidade reducida, coa polémica de que o PP intentaba enganar cunhas emendas para recuperar os 2,9 millóns de euros e non esta contía reducida de 2,3 millóns de euros que, finalmente, tal como advertira o BNG quedou niso”. Así, cualificou de xeito irónico o “valente anuncio de Feijóo de que vai ingresar a cantidade reducida con respecto aos exercicios pasados en concepto de Capitalidade”.

O Bosque de Galiza, xa iniciado

Baixo o nome de “Bosque de Galiza”, anunciaron outro proxecto que foi planificado sendo Ánxela Bugallo conselleira de Cultura (BNG) e que Feijóo retomou en 2012 dentro do Plan Estratéxico do Gaiás para volver anunciar onte de novo, cando estas actuacións xa están iniciadas. Para o BNG é unha actuación positiva, no seu contexto e magnitude, cun orzamento de 300.000 nun orzamento global da Cidade da Cultura de 300.000 millóns de euros, e son 23 hectáreas que son as mesmas que a propia Selva Negra e que incluso coa Granxa do Xesto serían 10 máis.

A depuradora, paralizada pola Xunta dende 2009

Sobre a depuradora, lembrou que Agustín Hernández prometera en 2011 que se ía “encargar de solucionar en seis meses” o derivado do cambio de emprazamento da Silvouta ao Souto. A declaración de impacto ambiental chegou hai escasas semanas e, polo tanto, “na actualidade o proxecto está na mesma situación que no ano 2009”. “Foron 5 anos perdidos para construír a depuradora”, advertiu, “que impediron utilizar os fondos comunitarios do período 2006-2013”.

“A única responsabilidade do que poida acontecer co partido xudicial de Compostela é do PP colectivamente”, sinalou a respecto da reforma que impulsa Gallardón.

Máis fondos públicos para a Catedral sen condicións á Igrexa

Sobre o anuncio da Catedral, destacou que o Concello de Santiago, a Xunta e o Estado español achegaron grandes cantidades de fondos públicos a través do Consorcio e “agora a Xunta vai saír ao rescate ante o errado intento de mecenado e de captación de fondos privados para o arranxo das partes que non estaban comprometidas na parte pública”. “Para o BNG é correcta a conservación do patrimonio, se ben é cuestionábel que se faga a fondo perdido e sen contraprestación nin condicionante á Igrexa católica”, explicou.

Proxectos pendentes

“Feijóo e Hernández non se caracterizaron nunca por pensar, mirar, traballar e comprometerse por Santiago de Compostela cando ambos estaban na Xunta; se o empezan a facer agora aínda que sexa en carreira pre-electoral, benvidos sexan”, dixo.

Así, convidounos a traballar por Santiago para recobrar a normalidade institucional e o tempo perdido. “Se queren traballar, aí está a Escola Oficial de Idiomas, o centro de saúde de Conxo, o CEGADI, o parque empresarial inacabado da Sionlla, os aparcadoiros disuasorios anunciados por Agustín Hernández hai dous anos, a estación de autobuses e a intermodal”, puxo Rubén Cela a modo de exemplos.

Rubén Cela: “A Xunta degradou Santiago de Compostela de capital do país a unha cidade de segunda”