Vence responsabiliza a Feijóo da composición "a dedo" do Goberno de Santiago
Vence cualificou de impresentable a situación dun PP que perdeu xa un alcalde e once concelleiros e que ten imputado ao propio rexedor
Santiago de Compostela, 9 xuño 2014.- O portavoz nacional, Xavier Vence, sinalou a Feijóo como responsable directo da situación que vive o Concello de Santiago por ter obstruído todas as opcións democráticas que daban solución a unha situación que avergoña á cidadanía compostelá, nomeadamente, a convocatoria anticipada de eleccións.
Vence considera un ataque frontal ao máis elemental principio democrático pretender conformar a case totalidade dun Goberno municipal con persoas que non pasaron polas urnas e considera que é Feijóo o responsable último da composición a dedo do novo Executivo local que esta mesma tarde presenta o aínda alcalde Angel Currás.
Boa parte dos nomes que se barallan son funcionarios a soldo do PP en Santiago ou que depende da Consellería de Presidencia, polo tanto non é algo que o alcalde este facendo pola súa conta e risco en solitario, senón que é algo perfectamente orquestrado co amparo de Feijóo e Rueda, denunciou.
Vence cualificou de impresentable a situación dun PP que perdeu xa un alcalde e once concelleiros e que ten imputado ao propio rexedor, polo que entende que Feijóo ten que forzar a dimisión do señor Currás e darlle voz á cidadanía.
O dirixente nacionalista lembrou que o Bloque reclamou fai moito tempo a dimisión de todos os imputados para dar paso a unhas novas eleccións e resolver o problema pola vía democrática de darlle voz á cidadanía. E responsabilidade do PP, con Feijóo a fronte, o ter obstruído todas as opcións democráticas que había ata agora, denunciou.