O BNG Santiago atribúe a renuncia de Currás á presión política e social contra a corrupción
Rubén Cela considera que o anuncio de Currás é unha cerimonia da confusión e do esperpento
O BNG promoverá un cambio lexislativo para que nunca máis se poida conformar un Goberno local onde a maioría dos seus concelleiros e concelleiras non foran electos nas urnas
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha primeira valoración do anuncio de Ángel Currás e quixo lanzar unha mensaxe de esperanza, porque a loita política e social ao final vale para algo. Cando Currás advertía de que as dimisións do PP estaban producidas pola campaña de acoso e derrubo do BNG contra a corrupción, afirmou, que ninguén dubide que é por todo o traballo feito no Pleno, na rúa, nas manifestacións, concentracións e protestas sociais.
Se hoxe temos a maioría das persoas imputadas fóra da Corporación, sen lugar a dúbidas, foi grazas a ese esforzo de traballo político por reivindicar unha rexeneración democrática profunda desta institución e de demandar tolerancia cero coa corrupción e coas malas prácticas que agardemos que non se repitan neste Concello e en ningún outro, destacou Rubén Cela.
Lembrou que en coherencia co defendeu sempre o BNG, se reafirma na mensaxe de tolerancia cero coa corrupción e coas malas prácticas especialmente graves que crearon tanta alarma social e esixir a dimisión inmediata de calquera cargo político.
O PP neste mandato, primeiro co equipo de Conde Roa e despois co de Currás, conformou o Goberno que máis dano e sufrimento lle ten causado a este Concello de Santiago de Compostela e que máis ten contribuído ao deterioro da imaxe da cidade.
Así, cualificou de rocambolesca esta situación cun alcalde que dimite, pero que non dimite, sen dicir nada do grupo de Goberno, afirmou, pois é unha cerimonia da confusión e do esperpento. Rubén Cela prognosticou, tamén, que Currás abandonará a Corporación máis cedo que tarde.
Non é lóxico que tiveramos tres alcaldes en tres anos, é un feito inaudito na historia do municipalismo galego, explicou, e non é normal que tiveramos un alcalde que non votaran os composteláns como foi Ángel Currás e que agora veña outro que era o número 25 da lista, a persoa que pechaba a candidatura do PP.
Responsabilidade do PP
Referiuse á responsabilidade colectiva do PP neste asunto, por elaborar unha candidatura encabezada por Gerardo Conde Roa e por darlle alento, cobertura e respaldo a este Goberno en cada unha das causas xudiciais que se coñeceron e das informacións que transcenderon sobre comportamentos inaceptábeis.
Responsabilizou tamén ao PP de non disolver a Corporación cando llo demandou o BNG e unha parte importante da veciñanza de Santiago, cando aínda se podían convocar eleccións anticipadas e devolverlle a voz á cidadanía para resolver esta crise política do mellor xeito posíbel. Mais Feijóo estirou os prazos para evitalo.
O BNG non lexitimará o cambio da democracia pola dedocracia
O BNG considera que como Agustín Hernández vaia polo mesmo camiño que anunciou Currás poderá ter un Goberno que cumpra coa lei, pero será un Goberno inaceptábel en termos éticos, democráticos e políticos, advertiu. O BNG non lexitimará o cambio da democracia pola dedocracia, sinalou, e nunca lexitimará que a capital de Galiza teña un Goberno en que a maioría dos seus membros non foron electos nas urnas.
Modificación lexislativa
Ademais, Rubén Cela anunciou que o BNG levará ao Congreso, a través da deputada Rosana Pérez, unha iniciativa para a modificación lexislativa dese marco legal e para que nunca máis se poida cometer un atropelo democrático como o que pretende facer o PP de Santiago, para conformar un Goberno local onde a maioría dos seus concelleiros e concelleiras non foron electos nas urnas.