"Currás: game over", artigo de Rubén Cela en Galicia Confidencial
O vivido estes tres últimos anos en Santiago é insólito na historia do municipalismo galego. Compostela vive unha situación, politicamente, límite que ten un único responsábel: o Partido Popular. Nunca antes, unha organización política lle fixera tanto dano a Santiago.
Foi o PP quen aprobou unha candidatura encabezada por Gerardo Conde Roa, e persoas da súa máxima confianza, co que iso significaba.
Foi o PP quen encheu o Concello de escandalosas malas prácticas e corrupción, tal e como van desvelando as seis causas xudiciais abertas contra ese goberno e nas que se lles imputan delitos como prevaricación, tráfico de influencias, falsidade documental ou suborno. A Operación Pokemon, Operación Manga, Caso Carril, Caso das Facturas Falsas, Caso defensa de Adrián Varela ou a Operación Patos sacan á superficie as cloacas do Partido Popular en Santiago e un xeito de actuar e entender a política, absolutamente intolerábeis.
Foi o PP, con Núñez Feijóo á cabeza, quen mirando para outro lado durante todo este tempo (cando non, dando o seu apoio explícito) permitiu que Santiago chegase a ter dez dos trece concelleiros do Grupo de Goberno imputados e que hoxe vexamos con estupor como só quedan -de momento- dous concelleiros do Partido Popular dos trece que obtiveron acta de concelleiro hai tres anos e que sexan esas dúas persoas quen asuman, a día de hoxe, todas as competencias do Concello.
Foi o PP quen furtou á cidadanía de Santiago a posibilidade de decidir nas urnas o futuro deste Concello a través da disolución da corporación e a convocatoria de eleccións municipais anticipadas, tal e como lle demandamos reiteradamente desde o BNG, para agora querer suplantar a democracia pola dedocracia, tentando colarlle á cidadanía un goberno con máis da metade dos seus membros non electos nas urnas, senón escollidos a dedo polo alcalde que encabezou toda esta desfeita.
Di Currás, que el queda para capitanear o barco e garantir a gobernabilidade Evidentemente, un alcalde dobremente imputado, deslexitimado e desprestixiado socialmente, repudiado polos seus e absolutamente incapaz, non pode pilotar nada. Trátase dunha fuxida cara adiante e cara ningures. Simplemente, aférrase ao cargo priorizando unha vez máis- a súa opinión e os seus intereses persoais aos colectivos da cidade á que supostamente representa e para a que traballa.
Currás acusaba estes días ao BNG de facer unha campaña de acoso e derribo contra o goberno municipal de Santiago e contra a súa persoa, e que esa campaña estaba detrás das últimas dimisións producidas nas súas filas. É certo. E esa campaña non cesará até que el mesmo dimita e até que non haxa ningún imputado por corrupción na corporación e até que haxa un profundo proceso de limpeza e rexeneración democrática no Concello de Santiago.
Pero o principal problema co que se atopa hoxe o Concello de Santiago non se chama Currás. Angel Currás xa é historia, lamentabelmente, da historia máis negra de Compostela.
A súa marcha, como a do resto de imputad@s/condenad@s son condición necesaria, pero non suficiente. Todas estas dimisións son unha vitoria da cidadanía, da presión política e social no Concello e na rúa, pero aínda queda unha importante batalla por dar: a cidadanía de Santiago non pode asumir con normalidade que o Partido Popular lle impoña un goberno non electo nas urnas, porque ese novo goberno será legal, pero non é lexítimo. En termos éticos e políticos é inadmisíbel.
O PP trátanos por parvos, tentando vendernos como solución a unha crise de lexitimidade como a deste grupo de Goberno, que un alcalde dobremente imputado que substitúe a outro alcalde triplemente imputado, despois de que dimitiran ou expulsara a xustiza a once concelleir@s, nomee a dedo ao novo goberno de Santiago sen pasar polas urnas
Outro camiño para Santiago é posíbel. É imprescindíbel. O Bloque Nacionalista Galego teno claro: tolerancia cero coa corrupción. Dimisión inmediata de calquera cargo público (do partido que sexa, na institución que sexa) imputado por casos de corrupción ou malas prácticas especialmente graves e que xeren grande alarma social. Institucións abertas, transparentes e de funcionamento (e elección) democráticas. Gobernar escoitando e sen soberbia. Gobernar respectando escrupulosamente as leis e normas. Gobernar por e para o pobo, con rigor, traballo e honestidade ao servizo das maiorías sociais e de Galiza.
Rubén Cela, portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago