Jorquera compara a Feijóo con "Houdini", mellor ilusionista escapista de todos os tempos
O deputado acusou ao Presidente da Xunta de fuxir das súas responsabilidades e ser cómplice da situación política no concello de Santiago
Santiago de Compostela, 11 de xuño, 2014.Pleno.- Na quenda de preguntas ao Presidente da Xunta, o portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera lembrou a pregunta formulada hai máis de un ano para disolver a corporación e convocar eleccións no concello de Santiago de Compostela ante o que era a crónica dunha morte anunciada.
Na súa intervención, Jorquera engadiu que no mes de marzo, ante a apertura do xuízo oral aos sete edís imputados, o BNG volveu a demandar eleccións e dimisións dos cargos imputados, pero vostedes, dixo, mirou para outro lado e incumpriu os seus compromisos parlamentarios e o código ético do seu partido.
Outra vez, Feijóo desvía a cuestión formulando continuas preguntas ao BNG
Tiveron que quedar só dúas persoas electas dos trece concelleiros do PP, doce dimisións e seis causas xudiciais abertas para que vostede se dera por enteirado, deixou podrecer a situación ata que o fedor deixou a tod@s sen respiración. Quizás por esa razón, ironizou, escolleu ao concelleiro de Residuos urbanos para asumir a alcaldía.
Tras a resposta do Presidente que volveu a desviar a pregunta do nacionalista lembrando algún casos de corrupción en distintas forzas políticas, Francisco Jorquera retou a Feijóo a que presente no vindeiro pleno unha pregunta ao BNG e o portavoz nacionalista estará encantado de respondela, pero hoxe, remarcou, as preguntas fágoas eu.
Vídeo electoral do PP Santiago precisa ar fresco
O parlamentario do BNG aludiu o vídeo electoral do PP nas pasadas elección municipais do que salientou o seu carácter premonitorio, Santiago precisa ar fresco para lembrar que foi o propio Feijóo quen avalou a Conde Roi como candidato á alcaldía e posteriormente ratificou a Ángel Curras pese a súa dupla imputación, vostede, foi cómplice e encubridor da escandalosa situación do concello de Santiago.
Vostede é responsábel por amparar un goberno municipal, agora dirixido polo 25 da lista, que pasará á historia por causar un dano irreparábel á imaxe da capital de Galiza, concluíu.