Feijóo estaba máis preocupado por resolver o problema do PP que a crise de Goberno de Santiago
A dedocracia é un sistema fondamente asentado no PP
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa que Feijóo estaba máis preocupado polo problema político do PP que de como enfrontar esta crise institucional sen precedentes do Concello de Santiago, cos problemas de gobernabilidade e de xestión diaria que provocou o seu desleixo. Así o demostra o feito de que se apresurase en anunciar o candidato ás vindeiras eleccións de 2015, aínda sendo respectuoso coa soberanía doutras organizacións, sinalou Rubén Cela.
A dedocracia é un sistema fondamente asentado no PP, pois é Feijóo quen decide nominalmente o candidato e nin sequera ten que consultar a opinión dos militantes do PP de Santiago. Ora ben, indicou, que Agustín Hernández poida designar nominalmente futuros membros desta Corporación xa non é un problema do PP, é un problema da cidadanía porque estas decisións provocan que se aumente a fenda entre o conxunto da cidadanía e os seus representantes, o descrédito e a desafección cara aos partidos políticos e as institucións. Rubén Cela reclamou, neste sentido, que formen parte do novo equipo de Goberno local os membros da lista coa que o PP concorreu ás pasadas eleccións municipais.
A dilatación do proceso provoca unha situación de desgoberno
No actual contexto político municipal reclamou celeridade, porque o Concello de Santiago xa viviu tres anos de absoluto desgoberno e sería recomendábel que non pasase nin un día máis dos estritamente necesarios sen Goberno. Referiuse así a que na actualidade só se manteñen catro dos 13 edís que conforman o Goberno local cun reparto entre dúas persoas de todas as competencias da capital de Galiza.
Para o BNG, o PP provocou esta situación de desgoberno xa que dificilmente o novo equipo poderá exercer as súas funcións no Pleno ordinario de xuño nin poderá estar operativo a finais deste mes. Así, cualificou de goberno pantasma a conformación do equipo de Currás que hoxe sabemos que é papel mollado e que contribuíu a dilatar o proceso da crise do PP de Santiago e repercutiu na xestión ordinaria municipal de xeito negativo con consecuencias directas para a cidadanía.
O último que precisa Santiago de Compostela son máis culebróns, afirmou en referencia á dimisión de Currás e insistiu na posición do BNG da necesidade de que calquera cargo público imputado por corrupción ou por malas prácticas debe abandonar as súas responsabilidades políticas.