O BNG require unha reformulación estrutural da praza de Galiza e non un parcheado
Non se deben investir cartos públicos en parcheados cando o que precisa a praza de Galiza é unha actuación integral
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, indicou sobre a actuación prevista para a praza de Galiza que non se está a actuar con corrección nese ámbito e requiriu unha reformulación estrutural e pensada a medio-longo prazo.
Lembrou que o BNG xa cuestionara a instalación dun parque infantil na rotonda, por motivos de contaminación e seguranza para as crianzas, e que reclamara un proxecto integral con altura de miras e non malgastar agora cartos públicos en parcheados.
Así, indicou que a revisión integral require unha concreción da estación intermodal e da mobilidade da zona que inclúe a rúa do Hórreo, Virxe da Cerca, San Pedro e a contorna de Belvís, entre outras.
Un Goberno responsábel ten que prever unha actuación a 15 ou 20 anos vista, cun deseño claro do que se quere na praza de Galiza como posíbel conectividade peonil entre a zona histórica e o Ensanche compostelán.
Non se deben investir cartos públicos en parcheados cando o que precisa a praza de Galiza é unha actuación integral, explicou.