O BNG requirirá no Pleno a aplicación da lei galega que defende os dereitos LGTBI
Propón que o Concello de Santiago ice a bandeira multicolor o vindeiro 28 de xuño
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2014.- O grupo municipal do BNG de Santiago rexistrou unha moción para o Pleno ordinario de xuño co fin de que o Concello de Santiago vele pola plena aplicación e desenvolvemento da lei galega pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI).
O BNG quere que o Concello de Santiago se comprometa a demandar da Xunta de Galiza que, de xeito urxente, dote o Servizo de apoio e mediación LGTBI, en particular a posta en marcha da liña de atención telefónica permanente para atender todos os casos de consulta, asesoramento ou denuncia de calquera tipo de agresión neste ámbito. Ademais, defende que se estabelezan as medidas precisas para garantir que a Consellaría de Cultura impulse e apoie as producións culturais que inclúan a realidade LGTBI e potencie referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade.
O texto da moción aposta por que o Concello de Santiago se comprometa, así mesmo, a colaborar coa Xunta de Galiza na aplicación efectiva da citada Lei 2/2014 así como coas asociacións, organizacións, colectivos e entidades da cidade, para garantir que a práctica deportiva e de actividade física se desenvolva en termos de igualdade e sen ningunha discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.
Ademais, o BNG require que o Concello de Santiago instale o 28 de xuño, con motivo da celebración do día internacional polos dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais, a bandeira multicolor deste colectivo nun lugar ben visíbel do Pazo de Raxoi ou dun edificio municipal emblemático.