O BNG demanda a retirada do material de obra que invade a praza de San Clemente e a rúa Raxoi
Esta zona moi transitada presenta un estado inadecuado que dificulta o paso peonil e amosa unha imaxe non desexábel da cidade
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2014.- O grupo municipal do BNG solicita que se adopten de inmediato as medidas necesarias para restaurar as normais condicións de uso da rúa Raxoi e se retire o material de obra que invade a praza de San Clemente.
Na Xunta de Goberno local do 16 de maio aprobouse a redacción dun proxecto modificado da actuación prevista na rúa Raxoi, onde se paralizaron as obras. Na actualidade, presenta un estado inadecuado que amosa unha imaxe non desexábel da cidade ademais de dificultar o tránsito peonil.
Trátase dunha rúa de acceso á praza do Obradoiro, polo tanto moi transitada pola veciñanza e polas persoas que visitan Santiago de Compostela que atopan nesta zona unha imaxe de desleixo que non se corresponde coa dunha cidade premiada pola conservación da súa zona histórica e que se gaba de ser cidade de acollida.
O BNG, por este motivo, trasladará un rogo ao Goberno local, que defenderá no vindeiro Pleno ordinario de xuño, para adoptar de xeito urxente as medidas necesarias para arrombar este espazo, tendo en conta o previsíbel incremento de turistas nas vindeiras semanas que se engaden á propia veciñanza de Compostela que percorre este céntrico emprazamento.