A imaxe da bancada baleira do PP no Pleno é igual de patética que a situación en ten sumida a cidade
Formalizouse o inicio dun camiño terríbel para Santiago de Compostela cun Goberno ilexítimo con maioría de membros nos escollidos democraticamente
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, logo do Pleno de renuncia dos concelleiros imputados e dunha edil imputada, sinalou que esa patética imaxe vale máis de mil palabras, igual que patética é a situación na que o PP ten sumido a Santiago de Compostela.
A imaxe da bancada baleira do PP resume o que foron estes tres últimos anos de inacción e de malas prácticas do Goberno en Santiago de Compostela e o que está a ser este período actual, onde todas as competencias da capital de Galiza parques e xardíns, urbanismo, policía, deportes e demais- están repartidas entre dúas persoas.
Formalizouse o inicio dun camiño terríbel para Santiago de Compostela, explicou, co intento de consumar por vez primeira na historia do municipalismo galego o primeiro Goberno dunha Corporación municipal que ten a maioría dos seus membros como concelleiros non electos e, polo tanto, que non pasaron polo sufraxio democrático das urnas e pola vontade da cidadanía.
Esa decisión poderá ser legal, persoalmente non o teño nada claro, afirmou, pero a todas luces é unha fraude democrática. Trátase dunha decisión en termos éticos e políticos reprobábel e vai facer que Santiago de Compostela teña a terríbel honra de ser a primeira Corporación que ten a maioría do seu Goberno non electo nas urnas e será un triste final para este mandato municipal.
Responsabilidade colectiva do PP
O BNG sinalou tamén que esta situación vén derivada da responsabilidade colectiva do PP, porque hoxe non se inicia un punto e á parte, é un punto e seguido cun proceso para nomear un terceiro alcalde neste mandato e o PP xa non está lexitimado nin capacitado para emprender o necesario e urxente camiño de rexeneración e de limpeza democrática que precisa o Concello de Santiago.
Lembrou tamén que Agustín Hernández é o vicesecretario xeral do PPdeG e forma parte da dirección que fixo ouvidos xordos ás peticións do BNG e de boa parte da cidadanía cando decidiu privar a veciñanza de poder decidir de xeito democrático en eleccións anticipadas o futuro que quería a veciñanza para o seu Concello.