O BNG recorre a decisión do PP de conformar a maioría do Goberno de Santiago con edís non electos
Ten o agravante de que eran nove as prazas a cubrir e había 11 persoas na candidatura; algunhas delas xa confirmaran a súa disposición a formar parte da Corporación municipal
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, anunciou que o BNG presentará un recurso xudicial ante a decisión do PP de nomear por primeira vez, non só na historia do municipalismo de Galiza, senón do conxunto do Estado español, un Goberno municipal onde a maioría estará conformada por concelleiros e concelleiras non electas que non pasaron pola lexitimación básica marcada na Constitución española que non é outra que as urnas.
O BNG non é favorábel á xudicialización da vida política e, moito menos, nun Concello como Santiago de Compostela onde por desgraza xa ten múltiples causas xudiciais abertas contra o PP, porén hai ocasións que non queda máis remedio que acudir á Xustiza para facer valer principios e dereitos básicos, sinalou Rubén Cela.
Antes de chegar a este extremo, o BNG reiteroulle ao PP que había dúas únicas vías para solucionar este conflito: ou ben de disolvía a Corporación e se convocaban eleccións anticipadas ou ben se procedía á expulsión de concelleiros imputados por presuntos delitos de corrupción e se procedía á súa substitución polos membros seguintes da lista. O PP fixo ouvidos xordos a esas peticións, entendemos que por cálculos electorais, indicou, e así a súa decisión non é compatíbel co espírito da actual ordenamento xurídico: a substitución da democracia pola dedocracia.
Neste sentido, explicou que artigo 140 da Constitución española deixa claro que os concelleiros e concelleiras serán electos pola veciñanza do municipio mediante sufraxio universal igual, libre, directo e secreto na forma estabelecida pola Lei. A reforma do artigo 182 da LOREG choca frontalmente co espírito da propia Constitución e existen diferentes sentenzas que foron acoutando máis a figura de non electo, até o punto de determinar que non poden formar parte das xuntas de goberno ou que non poden ser susceptíbeis de seren nomeados alcaldes ou alcaldesas.
Considerou tamén que habería que extinguir esta figura de non electo ou, no seu defecto, acoutala aínda máis porque non é compatíbel nun sistema democrático ter un Goberno non saído da vontade do pobo.
Así, afirmou que o PP pretende instrumentalizar un subterfuxio dunha reforma legal pensada para unha situación de ilegalización de partidos en Euskadi para renovar todo un Goberno pola porta de atrás, co agravante de que eran nove as prazas a cubrir e había 11 persoas na candidatura, algunhas delas que xa confirmaran a súa disposición a formar parte da Corporación municipal con aquel Goberno pantasma anunciado por Ángel Currás e que non van formar parte deste último.