O BNG pregunta polo uso de herbicidas en espazos públicos e advirte da súa posíbel toxicidade
Esta práctica pode provocar danos nas colleitas e na calidade das augas
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2014.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos rexistrou unha pregunta dirixida ao Goberno local para coñecer os motivos de que se estean a usar herbicidas en espazos públicos da cidade por parte de persoal das empresas de servizos municipais.
O grupo municipal do BNG quere saber cales son os produtos concretos que se aplican e que cantidade está prevista utilizar, ademais das medidas aplicadas en materia de prevención para a saúde e o medio ambiente.
Nas últimas semanas, persoal das empresas de servizos municipais está a utilizar herbicidas en rúas, prazas, alcouves e, en xeral, en espazos públicos da cidade. Segundo puido comprobar o BNG, aplícase durante o día por un traballador dotado dun equipo de protección individual, mesmo a carón das persoas viandantes.
Os herbicidas adoitan ter efectos negativos sobre o medio ambiente e, en xeral, son produtos tóxicos e bioacumulativos que, sobre todo a través da auga, chegan a seres vivos non obxectivo e tamén ás persoas. A súa utilización ha de facerse con coñecementos de prevención dos riscos asociados.
A Directiva europea sobre uso de praguicidas insta a minimizar ou prohibir o seu uso nos espazos utilizados polo público, nomeadamente en parques e xardíns.
O BNG defende a utilización de técnicas alternativas, mecánicas ou térmicas menos agresivas para o medio ambiente e igualmente eficaces.