O BNG reclamará no Pleno que as obras de mantemento dos centros educativos se realicen no verán
Demanda tamén a mellora de seguridade no uso do autobús escolar de Roxos
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2014.- O grupo municipal do BNG defenderá un rogo no Pleno da vindeira semana para que se acometa de inmediato o conxunto de actuacións necesarias para solucionar as deficiencias derivadas da falta de mantemento que presentan os centros de educación infantil e as escolas conveniadas co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Demanda tamén que se adopten melloras de seguridade no uso de autobús escolar no CEIP de Roxos.
Segundo explicou a concelleira do BNG Elvira Cienfuegos, é obriga dos concellos a conservación, mantemento e vixilancia dos edificios e demais instalacións escolares dos centros públicos de educación infantil e primaria. Así mesmo, nas escolas infantís da rede do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar lle corresponden ao Concello as accións de mantemento e de reparación.
Son actuacións que, ademais de constituír unha obriga, deben ser unha prioridade para os concellos, pola importancia que a educación pública debe ter para calquera administración e tamén para a local. Somos coñecedores da existencia dunha partida orzamentaria para o mantemento dos centros e de que nalgúns se iniciaron pequenas obras, pero quedan aínda accións pendentes que cómpre resolver antes do inicio do vindeiro curso, indicou.
Por iso o BNG considera que o período non lectivo é o momento idóneo para abordar actuacións de reparación, conservación e mantemento, por canto non se producen interferencias coa actividade dos centros.