Miranda e Juaristi presentan en Santiago a estratexia de traballo co euroescano de Os Pobos Deciden
O acto é este xoves ás 20:30 no hotel Compostela (praza de Galiza).
O Bloque dará a coñecer as liñas mestras da súa estratexia de traballo na Eurocámara a través do escano compartido con Bildu na coalición Os Pobos Deciden, nunha intensa xornada prevista para este xoves que contará coa presenza do eurodeputado Josu Juaristi.
A axenda da xornada comenzará cunha comparecencia ante os medios de comunicación do portavoz nacional, Xavier Vence, da secretaria de Política Internacional e portavoz do BNG na Eurocámara, Ana Miranda e do propio Juaristi, que se completará cun encontro con colectivos sociais e sindicais dos sectores máis afectados por políticas comunitarias e, finalmente, un acto aberto ao conxunta da cidadanía que terá lugar en Santiago na Praza do Toural.
No encontro cos colectivos e organizacións sociais están convidados representantes dos sectores económicos como o naval, pesqueiro e agrogandeiro, -particularmente vinculados ás políticas da UE-, representantes das plataformas e movementos sociais máis activos na rúa cuxas demandas estiveron condicionadas polas decisións de Bruxelas, tanto no Parlamento como na Comisión europea.
Contra a Troika
O escano do BNG vai seguir a ser o escano do pobo galego, e será tamén un escano que combata sen tregua as políticas da Troika e dos lobbies da banca e das multinacionais que impoñen políticas que están machando á xente e arrasando os nosos sectores produtivos, salienta Miranda.
Tras a constitución do novo Europarlamento o vindeiro 1 de xullo, explica, darase por iniciada a nova Lexislatura o que permitirá iniciar a presentación de iniciativas e propostas e avanza cales serán as primeiras propostas do Bloque.
Primeiras iniciativas
Rexistraremos de inmediato unha iniciativa sobre o sector naval para garantir que se cumpra o levantamento de veto nos estaleiros públicos ferrolás, unha proposta en relación a Rede Natura, toda vez que a Xunta segue a ignorar as recomendacións europeas e, tamén en materia medio ambiental, a proposta de que se prohiba o uso de cianuro nas explotacións mineiras, explica Miranda.
Igualmente, os sectores produtivos serán claves dentro do traballo do Bloque na Eurocámara, cunha iniciativa ante a Comisión para renegociar o acordo pesqueiro con Mauritania que finaliza a finais de 2014 para incluír a frota cefalopodeira, e a demanda dun fondo de compensación leiteira para os gandeiros polo fin do sistema de cotas lácteas.
Emigrantes retornados, contrarreforma do aborto e a problemática dos cursos de galego para acadar as titulacións do Celga, tamén entre os temas que centrarán o traballo do BNG no inicio da Lexislatura na Eurocámara.