O BNG traslada ao Pleno a necesidade de que as obras dos centros de ensino se realicen no verán
Nunha das mocións reclama a apertura dun proceso constituínte, baseado na soberanía dos pobos, onde Galiza sexa referente político
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2014.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno ordinario do mes de xuño dúas mocións e dous rogos, ademais de ter rexistradas cinco preguntas de control sobre actuacións do Goberno local para a súa resposta por escrito.
Así, nun rogo reclamará que se acometa de inmediato, en período de vacacións, o conxunto de actuacións necesarias para solucionar as deficiencias derivadas da falta de mantemento que presentan os centros de educación infantil e as escolas conveniadas co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Por iso considera que o período non lectivo é o momento idóneo para realizar actuacións de reparación, conservación e mantemento, por canto non se producen interferencias coa actividade dos centros. O BNG demanda tamén que se adopten melloras de seguridade no uso de autobús escolar no CEIP de Roxos.
O grupo municipal do BNG solicita tamén que se adopten de inmediato as medidas necesarias para restaurar as normais condicións de uso da rúa Raxoi e se retire o material de obra que invade a praza de San Clemente, unha zona moi transitada pola veciñanza e polas persoas que visitan Santiago de Compostela que atopan unha imaxe de desleixo que non se corresponde coa dunha cidade premiada pola conservación da súa zona histórica e que se gaba de ser cidade de acollida.
Nunha das mocións demandará o inicio dun proceso constituínte onde as nacións do Estado sexan o suxeito político para garantir o dereito de autodeterminación e o dereito a decidir, onde o BNG reclama a República Galega. Ao BNG non lle vale unha simples mudanza de caras que dean continuidade ao réxime unitario e centralista deseñado na Transición e perpetúen a monarquía como símbolo e garante desa unidade. O que a cidadanía galega precisa é liberdade e capacidade para decidir e nese espazo verdadeiramente democrático, onde se garanta o dereito de autodeterminación dos pobos, non ten cabida ningún rei, recolle a moción. Por todo isto, xúlgase importante que se inicie un proceso constituínte, baseado na soberanía dos pobos, onde Galiza sexa referente político.
A outra moción é para que se aplique a lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza. Nesa iniciativa reclámase tamén que se ice a bandeira LGBTI nalgún edificio emblemático do Concello de Santiago. O BNG quere que o Concello de Santiago se comprometa a demandar da Xunta de Galiza que, de xeito urxente, dote o servizo de apoio e mediación LGTBI coa liña de atención telefónica permanente para atender os casos de consulta, asesoramento ou denuncia de calquera tipo de agresión neste ámbito.