O BNG demanda da Xunta orzamento para desenvolver a lei de igualdade LGTBI
Vence: Hai que loitar pola visibilidade e pola igualdade das persoas con independencia da súa sexualidade e iso pasa polo sistema educativo
Santiago de Compostela, 27 de xuño 2014.- O BNG demanda do Goberno da Xunta que desenvolva a Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril do colectivo LGTBI (lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais) polo que reclama dotación orzamentaria que debe plasmarse tanto nos orzamentos de 2014 como na elaboración das contas públicas para o vindeiro exercicio.
Nun acto reivindicativo con motivo da celebración do Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBI, o portavoz nacional, Xavier Vence, demandou unha actuación decidida contra a discriminación que sofre este colectivo. É obriga de todos e de todas, pero en particular dos poderes públicos, loitar pola visibilidade e igualdade social de todas as persoas con independencia da súa sexualidade.
Para o BNG, lograr esa visibilidade e igualdade non é só unha cuestión das institucións, pasa pola educación e pola implicación do conxunto da sociedade, que debe implicarse os 365 días do ano, máis aló da celebración simbólica dunha xornada.
Temos que levar ao sistema educativo con decisión a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais, educar na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas. Igualmente, é preciso unha prestación de servizos públicos sanitarios e informativos para atender as necesidades específicas das persoas que integran estes colectivos, demandou Vence.
Entre as medidas concretas, o Bloque propón a creación inmediata dunha liña telefónica permanente de atención, información e asesoramento ao colectivo LGTBI que, por exemplo, poda canalizar e dar resposta as denuncias por calquera tipo de agresión no exercicio das súas liberdades persoais e sexuais.
O BNG tamén solicita que desde a Consellería de Cultura se impulse e apoie as producións culturais que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade.
Erradicar calquera discriminación na práctica deportiva en Galiza é outra das propostas que formula a formación nacionalista, instando a unha colaboración da Xunta e dos Concellos coas organizacións das persoas integradas neste colectivo.
Ademais de demandar unha pronta aplicación da Lei 2/2014, o BNG tamén reivindica para Galiza maior capacidade normativa nesta materia, de tal xeito que aspectos como determinados tratamentos sanitarios as persoas deste colectivo que teñan unha situación de prisión non puideron ser incluídos na lexislación galega por falta de competencias en materia penitenciaria.
No acto deuse lectura a un manifesto por parte de Lucía Vázquez, da Comisión de Acción Feminista do BNG, e Gustavo Lestón, por parte das xuventudes de Galiza Nova. Ademais da presenza de diferentes responsables políticos da formación nacionalista, como as deputadas Carme Adán e Ana Pontón, tamén estiveron Rubén Cela e Rafael Vilar, do grupo municipal do BNG de Santiago.