Non se pode usar un subterfuxio legal creado para combater o terrorismo para nomear un Goberno local
O BNG rexistra unha proposición para modificar o artigo da lei electoral usado polo PP para nomear o Goberno Santiago, que foi creado para designar edís de fóra da lista en casos de terrorismo
Santiago de Compostela, 30 xuño de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Congreso unha proposición de lei para a modificación do artigo 182.2 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG), creado en 2003 nun contexto de illamento do terrorismo, que agora se pretende usar para nomear un Goberno do PP en Santiago de Compostela con maioría de concelleiros que non concorreron ás pasadas eleccións municipais.
Segundo explicou en rolda de prensa o portavoz municipal, Rubén Cela, o BNG considerou unha auténtica fraude democrática o intento de conformar un novo Goberno en Santiago de Compostela onde a maioría dos seus membros sexan concelleiros non electos e, polo tanto, que non pasaron polo sufraxio democrático. O que non se pode empregar é un subterfuxio legal creado para combater o terrorismo para nomear a maioría dun Goberno local pola porta de atrás, engadiu.
Esta iniciativa, xa anunciada polo BNG, súmase á presentación de alegacións e de recursos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e ante o Tribunal Constitucional para garantir a lexitimidade das persoas que representan a veciñanza de Santiago.
Santiago, un caso inédito e sen precedentes
Pola súa parte, a deputada no Congreso Rosana Pérez indicou que o caso de Santiago de Compostela é inédito e sen precedentes porque despois pode haber no futuro situacións que se sustenten neste artigo 182 da LOREG, que foi introducido en 2003 nun contexto no que se pretendía illar os terroristas para que non puidesen participar en procesos electorais e non se pode aplicar este precepto para todos os casos, como se está a facer, dun xeito mesmo abusivo e que puidera ser fraudulento.
Lembrou tamén a deputada nacionalista que houbo sentenzas do Tribunal Constitucional que declararon inconstitucional que un concelleiro que asumise esa condición ao amparo desa modificación normativa e, sen ser votado a través dunha listaxe electoral, puidese ser elixido alcalde. Estas sentenzas fan referencia a que na Constitución española sublíñase que a elección de concelleiros e concelleiras ten que ser por sufraxio universal igual, libre, directo e secreto pola forma estabelecida na lei.
Polo tanto, segundo esta aplicación, non ten cabida que ao amparo da modificación de 2003 pola lei de partidos calquera caso que xurda se poida acoller a este artigo e, chegado o caso de Santiago de Compostela, é o momento de propoñer a derrogación do artigo 182.2 na parte que recolle a introdución de que os terroristas puidesen ir nas listaxes electorais e é o momento de entrar no debate para buscar vías alternativas.