Rubén Cela: "O PP fai un uso torticeiro dun subterfuxio legal para nomear a dedo o Goberno local"
"Por primeira vez na democracia, pódese dar un Goberno local que non pasou polas urnas", afirma.
O portavoz municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, afirmou a preguntas de xornalistas que a presentación das alegacións perante a Xunta Electoral Central, que foron desestimadas, eran o paso previo antes de chegar ao Tribunal Constitucional, porque considera que o PP está a facer un uso torticeiro dun subterfuxio electoral" para conformar un Goberno local onde a maioría dos seus membros foron elixidos a dedo.
"Por primeira vez na democracia, pódese dar un Goberno local que non pasou polas urnas; para nós é fundamental aclarar isto, por responsabilidade e coherencia e o que non vou permitir é ningunha lección de responsabilidade do PP nin de Agustín Hernández", manifestou Rubén Cela.
Neste sentido, incidiu en que "se alguén se comportou de maneira irresponsábel e con consecuencias terríbeis para Santiago de Compostela foi o PP". Porque foi o que puxo a Gerardo Conde Roa e o seu equipo; foi quen lle deu soporte, alento e apoio a un Goberno local ante as seis causas xudiciais abertas; foi o PP o que se negou a convocar eleccións anticipadas como demandaba o BNG e quen obrigou a que teñamos un terceiro alcalde", agregou.
O dirixente nacionalista sinalou que o BNG "non está interesado en que se apliquen medidas cautelares", senón en que se resolva canto antes o fondo da cuestión, porque "non sería bo que o día de mañá calquera veciño poida denunciar por ilegal calquera decisión da Xunta de Goberno por entender que está fraudulentamente constituída" e que iso orixine "certa inestabilidade desde a perspectiva xurídica.