O BNG de Santiago anima a saír á rúa este domingo con elementos do traxe galego
O Día do Enxalzamento do Traxe Galego chega á súa XXXV edición co tradicional desfile pola Cidade Histórica
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2014.- A cidade de Santiago, no marco da celebración das festas do Apóstolo, vai acoller o vindeiro domingo a XXXV edición do Día do Enxalzamento do Traxe Galego, unha xornada na que, da man da Asociación do Traxe Galego, persoas de todas as idades percorren as rúas e prazas da cidade ataviadas coa vestimenta tradicional. O BNG fai un chamamento para apoiar a actividade e, nomeadamente, convida a cidadanía a que saia á rúa con algunha peza tradicional co obxectivo de manter viva esta expresión da cultura propia do noso país, que é tamén un dos elementos da súa identidade.
De non ser posible lucir o traxe completo, o que non é difícil é vestir pezas soltas da roupa tradicional, como camisa, chapeu, saia, brincos, mantóns ou aderezos, por exemplo, explicou a concelleira Elvira Cienfuegos.
"Hai países nos que era e segue sendo costume, e teñen a gala, usar a indumentaria tradicional en determinadas festas ou días sinalados e mesmo en domingos ou días feirados, indicou. En Galiza empezou a perderse xa no século XIX e logo o seu uso quedou reducido a actos de carácter folclórico ou algunha xornada de enxalzamento, tal como xa recolleron Murguía ou mesmo Noriega Varela nos seus escritos, engadiu a concelleira nacionalista.
Na actualidade, a Asociación do Traxe Galego de Santiago, con máis de 300 membros, fai un incesante e non ben recoñecido labor de promoción, uso e dignificación do traxe, ademais de incentivar a investigación mediante a concesión dun premio, único en Galiza, que recoñece os mellores traballos descritivos ou analíticos sobre a vestimenta tradicional. Son varias as ocasións en que, ao longo do ano, o traxe galego ten presenza nas rúas de Santiago, grazas ao traballo da Asociación, que pon no Día do Traxe o máximo empeño.
Unha das maneiras de recoñecer o seu traballo é, ademais de participar dos actos programados, facelo levando o traxe ou algún elemento del para contribuír a que teña presenza nas rúas, acción esta última que, por outra parte, é común noutras culturas.
O traxe tradicional é unha parte substancial da cultura de Galiza. Por iso o BNG considera que cómpre manter e incrementar a presenza do traxe galego na programación das festas locais da capital de Galiza.