Acéptase a proposta do BNG de incluír as asociacións na reclamación de manter o partido xudicial
Se se chega a levar á práctica este proxecto de Gallardón significaría un retroceso de 50 anos en termos xudiciais para Santiago e relegala a unha cidade de segunda
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2014.- En declaracións aos medios de comunicación ao remate da xuntanza dos portavoces dos tres grupos municipais en Raxoi cos representantes dos colexios profesionais de avogados e de procuradores de Santiago, Rubén Cela manifestou que se aceptou a proposta do BNG, que xa presentara con anterioridade, de incluír o tecido asociativo da cidade nesta reclamación de manter o partido xudicial de Santiago de Compostela fronte ao desmantelamento que propón o anteproxecto impulsado polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón.
Coincidimos en que se se chega a levar á práctica este proxecto de Gallardón significaría un retroceso de 50 anos en termos xudiciais para esta cidade e relegala a unha cidade de segunda, indicou, hai coincidencia en que é un anteproxecto pésimo para Santiago e para o conxunto do noso país.
Así, explicou que o único ao que vai contribuír a eliminación dos partidos xudiciais é para afastar aínda máis o poder xudicial do ámbito cidadán para seguir nesa liña comezada por Gallardón de incluír novas taxas do ámbito xudicial que incorporará unha taxa de desprazamento encuberta e pola porta de atrás.
Considerou positivo que non só haxa un acordo das forzas políticas con representación en Santiago de Compostela, senón que haxa unha boa interlocución co sector como foi hoxe cos colexios de avogados e de procuradores, pero entendemos que está en xogo buscar unha solución para o conxunto da cidade.
Así, congratulouse de que se aceptase a proposta que o BNG xa trasladara con anterioridade de incluír o tecido asociativo da cidade para que os colectivos que o desexen subscriban este acordo e para se poida trasladar a Madrid que o conxunto de Santiago está radicalmente en contra deste anteproxecto de lei.
Incidiu, ademais, en que é unha reforma que non vai servir é para aforrar, só para afastar a cidadanía do dereito á Xustiza e vai contribuír, ademais, a malgastar os cartos públicos investidos na planta xudicial galega.