Xestur, dous anos despois da inauguración do polígono da Sionlla, segue sen rematar a rede eléctrica
En 2012 a recepción da obra condicionouse a concluír, nun prazo de catro meses, as actuacións pendentes
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2014.- O grupo municipal do BNG vai solicitar no vindeiro Pleno municipal que se executen de xeito inmediato as obras pendentes no polígono da Sionlla para garantir a inclusión do enlace coa AP-9 nas obras de ampliación da autoestrada, unha revisión da política de prezos e de captación de investimentos e, ademais, explicacións de por que non se acometeron as obras pendentes da rede de auga potábel dende a zona norte e o soterramento da rede de enerxía eléctrica de alta tensión no prazo previsto, co prexuízo que isto causa para a activación económica da cidade.
Cremos que unha parte importante do futuro económico da cidade pasa por ese polígono industrial que ten un evidente potencial pola centralidade política e xeográfica de Santiago, pola proximidade ao aeroporto e pola conectividade coas principais vías de alta capacidade que vertebran o noso país e nos comunican co resto da Península, explicou Rubén Cela. Trátase, a xuízo do BNG, dunha actuación estratéxica de cara a unha maior diversificación da actividade económica de Compostela para reforzar a súa cativa industria e dende unha perspectiva de creación de novos postos de traballo e reactivación económica.
Segundo explicou Rubén Cela, a Xunta de Goberno do Concello de Santiago, nunha sesión extraordinaria e urxente do 20 de novembro de 2012 adoptaba o acordo de recepcionar as obras definidas no proxecto sectorial e construtivo do parque empresarial da Sionlla e que foran executadas por Xestur. A recepción total da obra estaba condicionada ao cumprimento dos compromisos adquiridos con Xestur, engadiu, en concreto, no prazo máximo de catro meses, a Xerencia de Xestur comprometíase a ter rematadas as obras pendentes.
Obras pendentes dende a inauguración de Hernández
En concreto, no parque empresarial da Sionlla quedou pendente rematar a rede de acometida de auga potábel dende a zona norte, rematar a acometida e soterramento da rede de enerxía eléctrica de alta tensión que discorre sobre os terreos do SUN-37 e que daría servizo á subestación de transformación e rematar o tramo do viario Orbital nos extremos; un tramo importante no extremo que ha de conectar coa AP-9 e outro nas proximidades do enlace coa N-550.
Ademais destas tres cuestións fundamentais para o desenvolvemento desta área industrial, faltaban outras de xardinería, mobiliario urbano, sinalización viaria e cableado de alumeado público e outros equipos, ademais de existir signos evidentes de deterioro nalgúns elementos de carácter menor como postes de luminarias, papeleiras, tapas de rexistro de diferentes redes, elementos de se dinamización e de seguridade viaria, que foron acrecentándose no transcurso destes case dous anos.
Rubén Cela cuestionou, así, que transcorreron case dous anos dende que Agustín Hernández, en calidade de conselleiro, inauguraba este polígono que se converteu nun auténtico deserto onde agás Mercadona- só se instalaron toxos e xestas e no que fican máis de cen parcelas baleiras porque Xestur non rematou as actuacións.