O BNG reparte bandeiras para pendurar nas fiestras e nos balcóns con motivo do Día da Patria
Defendemos que se garanta a presenza de Galiza no debate soberanista aberto no Estado, explica Rubén Cela
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego iniciou unha campaña de promoción do Día da Patria cun reparto de bandeiras para pendurar en fiestras e en balcóns da cidade. Este martes 22 de xullo ás 12:00 estará na praza de abastos para que todas as persoas que o desexen leven cadansúa bandeira de Galiza.
"En pé por Galiza! Soberanía, democracia e dereitos" é o lema da campaña do Día da Patria, que terá como acto central a manifestación que dende hai 30 anos se celebra dende a alameda compostelá até a praza da Quintana, explicou Rubén Cela en declaracións aos medios de comunicación nun reparto realizado na praza do Toural.
Por iso iniciamos unha campaña de promoción do Día da Patria coa distribución de bandeiras para colocar nas fiestras e nos balcóns da cidade de Santiago de Compostela que, como capital do país, acolle este acto reivindicativo da nosa identidade nacional, afirmou. Ademais, como cada ano, facemos un chamamento á cidadanía de Santiago para que asista á manifestación do Día da Patria, onde defenderemos que se garanta a presenza de Galiza no debate soberanista aberto no Estado, non só como unha aspiración política senón tamén como a mellor ferramenta para resolver os problemas da cidadanía galega, engadiu.