PLENO

Apróbase a iniciativa do BNG para elaborar un plan de eficiencia e aforro enerxético nos espazos públicos e instalacións municipais

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi

Sae adiante a proposición para facer un plan de actividades extraescolares e de conciliación

Apróbase a iniciativa do BNG para elaborar un plan de eficiencia e aforro enerxético nos espazos públicos e instalacións municipais

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022.- O BNG conseguiu aprobar unha proposición para elaborar un plan para promover a eficiencia e o aforro enerxético nos espazos públicos, en edificacións e instalacións existentes ou de nova construción, de titularidade pública ou privada, promovendo as ordenanzas necesarias. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA, PP e do concelleiro non adscrito; o PSOE abstense.

Así, propón a realización dunha campaña de asesoramento e de sensibilización da cidadanía e a aplicación das accións necesarias en edificios e institucións municipais, mediante o investimento en novas tecnoloxías máis eficientes aplicadas de forma xeral à iluminación de edificios e vías públicas, equipamento informático, aos sistemas de quecemento ou ar acondicionado.

A iniciativa recolle tamén medidas para a racionalización horaria no uso dos recursos enerxéticos e a redacción dun plan municipal de eficiencia enerxética de cumprimento obrigatorio en todas as instalacións municipais, que inclúa a redución do gasto, o aforro de enerxía, a reutilización de recursos e a reciclaxe de materias.

Reclama tamén a posta en marcha das medidas aprobadas por unanimidade, no Pleno de novembro de 2021, na proposición do BNG para a instalación de paneis fotovoltaicos nas instalacións municipais e outras accións para o desenvolvemento da enerxía solar fotovoltaica.

Ademais, defende a axilización para completar a instalación de luminarias de tecnoloxía de baixo consumo LED en zonas públicas de titularidade municipal rúas, prazas, parques, vías de tránsito, peonil ou rodado, etc. minimizando o consumo, alén de facilitar a percepción e visibilidade nocturna de condutores/as e peóns/peoas.

Plan de actividades extraescolares e de conciliación

Aprobouse tamén unha proposición do BNG para desenvolver un programa integral de actividades municipais extraescolares e de conciliación consensuado coa Federación de asociacións de nais e pais de Compostela (FANPA) como medida para facerlle fronte á crise derivada da alza de prezos que repercute, de xeito especial, nas economías domésticas. Saíu adiante cos votos a favor de BNG, CA e PP; o PSOE e o concelleiro non adscrito abstivéronse.

As familias compostelás levan anos a reclamar que sexa o Concello quen organice e xestione as actividades extraescolares, non só  para favorecer a conciliación familiar nas tardes dos días lectivos, senón por ser  tamén unha oportunidade para achegar as crianzas  a  través do ocio a contidos musicais, culturais e deportivos que contribúan á súa formación integral dun xeito lúdico.

Para alén das cuestión puramente formativas, estes espazos teñen un interese acrecentado por permitir traballar de xeito específico con valores transversais, desde o respecto polo patrimonio e polo medio á necesaria coeducación e loita pola igualdade xunto coa promoción do uso da lingua galega.

Ademais, con esta iniciativa, o BNG pretende garantir o acceso de todas as persoas menores a este tipo de actividades ao adaptar o custo para as familias á súa situación socioeconómica ofertando prezos diferentes en función da renda familiar.  A política de bolsas para actividades extraescolares que existe neste momento non é funcional. Non considera situacións intermedias, non se resolve a tempo, o que leva a que nenos/as ou non inicien as actividades en setembro ou as familias que están en lista de agarda como este curso teñan que costealas os primeiros meses.

É preciso, pois, redactar o proxecto dun programa ou plan municipal de actividades extraescolares promovido pola Concellaría de Educación, como tamén, é preciso ter un programa municipal de conciliación para cando remata o período lectivo. O programa municipal de conciliación debe propoñerse como un paquete (Entroido, Semana Santa, verán e Nadal) con maior número de actividades e tamén máis descentralizado. Desde esa perspectiva é imprescindíbel a súa extensión a máis centros educativos que os actuais, tal e como vén demandado a Federación de ANPAS desde hai anos.

 

 

 

Apróbase a iniciativa do BNG para elaborar un plan de eficiencia e aforro enerxético nos espazos públicos e instalacións municipais