PLENO

O BNG advirte da falta de diálogo na redacción do regulamento das vivendas de uso turístico

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Xustifica a abstención por non incluír ningunha das alegacións presentadas para mellorar esta norma

O BNG advirte da falta de diálogo na redacción do regulamento das vivendas de uso turístico

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022.- O BNG estima necesario dotar dun marco estábel regulador as vivendas de uso turístico e reclama que se dean pasos para que a norma sexa aprobada co maior quorum posíbel. Ante o rexeitamento da totalidade das alegacións presentadas para mellorar o regulamento e ante a negativa do grupo socialista de chegar a un consenso, o BNG abstívose na votación para a aprobación provisional da modificación puntual do título III do PXOM para a regulación de usos.

Goretti Sanmartín explicou na súa intervención que o BNG presentou unha serie de alegacións que foron desestimadas, xunto con 540 máis que se rexistraron. “Nós démoslles o visto e prace inicial porque, sen coincidir completamente coa proposta, si concordamos coa necesidade do marco regulador e cos obxectivos que se pretenden, e sempre entendemos que había marxe para mellorar o que se ofrecía, mais era visto que non existiu ningunha vontade de modificar nada”, sinalou.

Insistiu en que a expulsión de poboación de Compostela é moi anterior á aparición das vivendas de uso turístico e está relacionada coa falta de servizos e a incapacidade para mobilizar o importante parque de vivenda baleira, aínda que tamén é verdade que a proliferación das VUT intensifica os problemas preexistentes. Fixo especial fincapé en que “é preciso ter un marco estábel regulador que fixe que, canto, cando e como se pode ofertar unha VUT”.

Para o BNG non é de recibo que un conflito entre administracións remate por pagalo veciñas e veciños de Compostela, porque a Xunta de Galiza “actuou con total deslealdade e debía ser a que estivese indemnizando as persoas que realizaron un investimento por confiar na súa palabra”. Nese sentido, o PP ten moita responsabilidade nos conflitos que esta modificación normativa está a xerar.

Indicou que a proposta debería gozar dun consenso político e social importante para se levar a cabo. Ademais, chamou a atención sobre as dúbidas que provocan a inconcreción e homoxeneización das zonas sensíbeis, estando diante de realidades moi diferentes que deberían tratarse de maneira desigual na norma; a arbitrariedade pouco xustificada de situar as VUT só nos primeiros andares (cando non son os 60 días de economía colaborativa); e a necesidade de discernir entre propietarios/as dunha ou dúas VUT e especuladores. Ademais, existen carencias como a necesaria regulación sobre a preservación do comercio tradicional, advertiu.

 

 

O BNG advirte da falta de diálogo na redacción do regulamento das vivendas de uso turístico