URBANISMO E VIVENDA

O BNG quere impulsar e xestionar “a gran transformación de Santiago de Compostela nunha capital verde europea”

Visita ao COAG
Visita ao COAG

Goretti Sanmartín e Iago Lestegás manteñen un encontro con representantes do Colexio Oficial de Arquitectos/as

O BNG quere impulsar e xestionar “a gran transformación de Santiago de Compostela nunha capital verde europea”

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2023.- A candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín e o arquitecto Iago Lestegás, que vai no primeiro tramo da lista do BNG, mantiveron un encontro con representantes do Colexio Oficial de Arquitectos/as de Galicia (COAG), que ten máis de 350 persoas profesionais colexiadas.

Goretti Sanmartín destacou “a relevancia das persoas profesionais da arquitectura no deseño da nosa cidade: sodes unha parte moi importante da nosa construción, pezas centrais na conservación do patrimonio e tedes que continuar no futuro contribuíndo a que Compostela sexa unha cidade viva, onde se conxugue ese gran museo aberto da arquitectura que é a nosa cidade, desde a catedral ás propostas máis de vangarda, premiadas a nivel internacional”. “Santiago foi unha referencia coa aposta pola arquitectura de calidade e as intervencións feitas no espazo público, desde Belvís á Escola Municipal de Música”, lembrou. Destacou tamén que “a arquitectura, igual que a lingua e a cultura, é un sinal de identidade, como a maneira de habitar o territorio”.

Na súa intervención, defendeu que Compostela precisa unha transformación nos seus espazos públicos para mellorar a calidade de vida das persoas. O BNG aposta por un urbanismo que achegue benestar á veciñanza, que deixe atrás un deseño pensado para o transporte a motor que secundariza a idea dunha cidade para as persoas que andan a pé ou en bicicleta. Para iso, avogou que ter un plan de mobilidade actualizado é fundamental porque Santiago non pode funcionar cun PMUS de 2011, despois de 12 anos de importantes mudanzas, “porque neste mandato non foron capaces de telo, adxudicouse o pasado 9 de outubro despois de ficar deserto con anterioridade e cómpre aprobalo para avanzar nunha mobilidade diferente”. Referiuse tamén á aposta por desenvolver “un urbanismo feminista, onde prime a accesibilidade, a boa iluminación e o deseño de espazos de socialización e cohesión social”.

Sobre a necesidade de conservar o patrimonio da cidade histórica, incidiu en que “é un lugar de onde, tanto no seu centro como nas proximidades, non se pode expulsar a vida cotiá”. Nese sentido propón instalar a Escola Oficial de Idiomas nos edificios de Enfermaría e da antiga Maxisterio en Xoán XXIII, en vez de desprazala á periferia, a Santa Marta, ou de que a Sala Iago recupere o seu uso cultural para beneficio da veciñanza, impedindo un cambio de uso a hoteleiro. Tamén fixo alusión á necesidade de conseguir axilizar instrumentos como o Rexistro de soares.

Vivendas de uso turístico

Respecto da regulación das vivendas de uso turístico que estes días se discute en Raxoi, concorda na necesidade de que exista unha limitación diante da súa proliferación e partilla os obxectivos de favorecer o uso residencial, de contribuír a fixar poboación poñendo as persoas residentes en Compostela no centro das políticas que se desenvolven e de incrementar as posibilidades de aluguer para uso de familias e estudantado. Mais sobre a proposta que o goberno local pon sobre a mesa, trasladou “as dúbidas sobre as consecuencias de elixir os baixos e primeiros para esta finalidade e, sobre todo, o BNG non concorda en que se abra a posibilidade de regularización a usos preexistentes mesmo sen estaren no REAT, é dicir, sen ten o amparo de ningunha administración”.

Neste sentido, e sobre o Plan especial da cidade histórica, xulga que foi útil para preservar o patrimonio edificábel mais non tanto o social no relativo a comercio, servizos e actividades. “Non podemos entender a vida na cidade histórica como inmutábel, urxe acordar, xunto co resto das institucións, o rumbo da cidade histórica e a súa contorna e cumpriría unha revisión técnica e consensuar o que sexa preciso mudar”, indicou.

Mobilizar a vivenda baleira e construír vivenda pública

Mobilizar a vivenda baleira e construír vivenda pública son obxectivos centrais para abaratar o prezo dos alugueres e contribuír a fixar poboación. “Para iso hai que actuar con ousadía e facelo desde o primeiro momento da chegada ao goberno”, explicou, “unha eiva do desenvolvemento urbanístico nos últimos anos foi a falta de campañas de sensibilización e concienciación sobre a necesidade de preservar o patrimonio e a aposta porque os cambios urbanísticos sexan participados”.

Nesa liña, enumerou medidas que defende o BNG como a elaboración dun plan de dinamización de aluguer, para conseguir fixar poboación residente en Santiago de Compostela e reducir o número de vivendas baleiras; e ampliar o parque de vivenda de protección pública en alugueiro, en colaboración con outras administracións, para persoas con menos recursos. Aposta por recuperar a oficina de rehabilitación da cidade histórica, para facilitar o asesoramento e os trámites das axudas, e poñer un punto de atención en Urbanismo cun sistema centralizado, con interlocución única de cada expediente para pór este departamento ao servizo da veciñanza, xunto con licitar obra pública con axilidade e transparencia, garantindo a concorrencia. Ademais, expuxo a necesidade de dotar o concello de novos espazos públicos cubertos para nenas, nenos e maiores que permitan o movemento libre e os xogos no tempo de inverno.

Accesibilidade e infraestruturas verdes contra o cambio climático

Pola súa parte, Iago Lestegás puxo o foco na importancia de coidar os usos residencial, comercial e dotacional “para garantir a vitalidade, equidade e sustentabilidade na cidade”. Destacou a necesidade de mellorar as condicións físicas dos inmóbeis en canto á ventilación, climatización, illamento, accesibilidade, insonorización e subministración de servizos básicos para adaptar os edificios existentes ás esixencias do século XXI e favorecer que se manteña o seu uso residencial ou comercial. Ademais, propuxo a creación gradual dun parque municipal de vivenda pública en alugueiro que contribúa a facilitar o acceso á vivenda, tendo en conta que o prezo medio dos alugueiros no concello aumentou case un 30% entre 2014 e 2022 segundo os datos do IGVS e que cada vez máis persoas teñen dificultades para atopar unha vivenda.

Outro punto da súa intervención foi a mobilidade. Indicou que hai 68 vehículos matriculados no concello por cada 100 persoas empadroadas e, ademais, circulan moitos máis a diario procedentes doutros municipios. Destacou a incidencia que a problemática do estacionamento ten sobre a escolla dos lugares onde se vive e onde se consume e, por tanto, a necesidade de abordala de forma integral coas cuestións da vivenda e o comercio. No encontro falouse da necesidade de redeseñar o mapa de liñas de autobús urbano para garantir un servizo adecuado en todo o concello e de favorecer o uso da bicicleta a través da creación dunha rede de carrís bici protexidos e a posta en marcha dun sistema de bicicletas eléctricas compartidas como as que funcionan noutras cidades.

En canto ao espazo público, propuxo actualizar as normas de urbanización do PXOM para introducir criterios de calidade e sustentabilidade. Destacou a necesidade de planificar, deseñar e executar coidadosamente as actuacións nas rúas e prazas para garantir que o investimento ten resultados satisfactorios e minimizar a repetición de solucións estandarizadas. Ademais, avogou polo impulso á infraestrutura verde para adaptar a cidade aos efectos do cambio climático e mellorar o confort térmico, a renaturalización de espazos urbanos con máis presenza incrementando o número de árbores en rúas e prazas, creando canles abertas que conduzan auga en superficie e utilizando pavimentos permeábeis, sistemas de drenaxe sustentábel e outras solucións baseadas na natureza (SBN).

Outra das iniciativas ás que fixo referencia foi “a transformación de vías actualmente sobredimensionadas, como as avenidas de Xoán XXIII, Cruceiro da Coruña, Lugo, Restollal ou Romero Donallo, en bulevares verdes”. “Queremos impulsar e xestionar a gran transformación de Santiago de Compostela nunha capital verde europea”, afirmou.

O BNG quere impulsar e xestionar “a gran transformación de Santiago de Compostela nunha capital verde europea”