PLENO
Rubén Cela: “CA quere vender os remanentes como un éxito, como facían Conde Roa e Montoro"
O BNG abstívose na votación de aprobación da Conta xeral de 2016 porque de cada 100 euros que dispuña o Concello para obras, arranxo de rúas e equipamentos quedaron 83 sen executar
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, no Pleno para a aprobación da Conta xeral referiuse ao baixo nivel de execución, no relativo a investimentos e transferencias, ao superávit anormalmente elevado e ao remanente líquido de tesouraría. “Compostela Aberta quere vender os remanentes como un éxito, como facían Conde Roa e Montoro, cando son tan elevados por falta de execución do orzamento”, afirmou.
Ese superávit e ese remanente de tesouraría non son froito da boa xestión, senón dunha baixa execución nos capítulos de investimentos e de transferencias correntes. No relativo á baixa execución dos investimentos -capítulo VI- dun 22% éo moito máis cando se comproba que dos 4 millóns de euros executados, 1 millón correspóndese coa sentenza do parque de bombeiros, é dicir, que a execución de obra nova foi do 17%. “Iso quere dicir que de cada 100 euros que dispuña o Concello para obras, arranxo de rúas e equipamentos quedaron 83 sen executar”, afirmou.
Referiuse tamén ao relativo ás subvencións a entidades sen ánimo de lucro, onde estaban consignados 1,5 millóns de euros e deixaron 855.307 sen executar (66%). “Isto é gravísimo porque son recursos que se teñan que pór a disposición da cidadanía e quedara no peto”, explicou, “especialmente difícil de explicar en áreas tan sensíbeis e como servizos sociais e emprego”.
En canto ao superávit e remanente, dende 2011 a 2016 foi o exercicio con maior remanente de tesourería: 7.762.890 euros, “por moito que Compostela Aberta seguindo a liña argumental de Conde Roa e de Montoro intente vender isto como un éxito, cando é un gran fracaso porque se gasta menos por incapacidade de executar”, indicou.
Na práctica, afirmou, o Concello renuncia ao único instrumento real de intervención na economía local e de creación de postos de traballo, ademais de solucionar carencias e deficiencias da cidade. “Tamén resulta difícil de explicar que a 31/12/2017 o Concello tivese 22 millóns de euros en caixa e deba 21,3 millóns de euros a provedores. Ademais, incrementouse o período medio de pago a provedores de 25,98 días en 2015 a 30,07 en 2016”, sinalou.
Sobre o parámetro do gasto por habitante, destacou que os 981,84 euros en 2016 distan moito dos 1.173,73 de 2010. Do mesmo xeito que o esforzo inversor do 0,06 de 2016 é inferior ao 0,11 de 2015.